12 espazos singulares da comarca reciben axudas para mellorar a súa estrutura
Pouco máis de 200.000€ vén de investir a Xunta de Galicia en 12 infraestruturas turísticas da Costa da Morte. 12 Concellos recibirán un máximo de 30.000€ para accións de embelecemento dos accesos e bens declarados de interese cultural, iluminación ornamental, recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos ou recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional entre outras, co que se pretende seguir impulsando Galicia como un destino fiable e de calidade, potenciando os valores que caracterizan o modelo turístico galego e que cobran especial importancia no contexto actual, como a natureza, a paisaxe a enogastronomía ou o Camiño de Santiago.
Axudas ás infraestruturas turísticas da Xunta
Concello | Obxecto da subvención | Subvención concedida |
A Laracha | Rehabilitación e accesibilidade do entorno turístico de Gabenlle | 28.010,85 € |
Cabana | Instalación de paneis de sinalización turística para o Dolmen de Dombate | 5.389,47 € |
Carballo | Proxecto mesa panorámica accesible no mirador de Vilela | 4.679,68 € |
Cee | Subministro mobiliario urbano camiño de Santiago-casco urbano de Cee: cubrecontedores | 11.364,93 € |
Coristanco | Instalación paneis de sinalización e información do espazo natural Verdes | 19.412,64 € |
Dumbría | Reparación da pasarela de acceso á fervenza do Ézaro | 30.000,00 € |
Fisterra | Balizamento do paseo marítimo da praia Langosteira | 22.008,45 € |
Muxía | Sinalización de mellora da iluminación no entorno do Santuario nosa Sra da Barca | 30.000,00 € |
Ponteceso | Aparcadoiro de autocaravanas en Corme | 30.000,00 € |
Vimianzo | Creación dunha ruta de sendeirismo pola paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba | 8.448,58 € |
Zas | Creación, sinalización e homologación da ruta da auga de Zas | 19.903,00 € |
Axudas da Deputación cos entes de xestión
Reunión virtual de Xosé Regueira cos representantes dos entes de xestión
Paralelamente a área de Turismo da Deputación da Coruña, dirixida polo tamén vicepresidente, Xosé Regueira, mantivo unha xuntanza con representantes dos entes de xestión supramunicipais para poñer en común as novas estratexias e avanzar nas liñas de comunicación conxunta para a promoción turística dos distintos xeodestinos da provincia. A aposta pola calidade e seguridade ademais do turismo de proximidade e o avance na dixitalización son algúns dos eixos do novo horizonte do sector.
Participaron responsables da Asociación de empresarios de Camariñas, Asociación sociocultural Auga e Sal de Muros, Asociación de empresarios Fisterra-Muxía, Ría da Estrela, CMAT.
Na reunión, que puxo en común as estratexias de estas entidades turísticas da provincia da Coruña, coincidiuse na importancia da seguridade e da calidade nos destinos, apostando por unha dixitalización da información turística, que complemente os formatos físicos.
Novas relacionadas
- Por que non se homologa o Camiño dos Faros? Os trans@s rebentan contra as administracións
- O sector turístico ponse en proceso de “clusterización”