![emprego-costa-morte]()
As axudas destinaranse para desenvolver traballos de servicios locais básicos
O Boletín Oficial da Provincia publicou onte as asignacións económicas que corresponden a cada concello a través do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña. O ente provincial destina durante 2018 un orzamento 2,8 millóns de euros para apoiar aos concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes na contratación de persoas desempregadas para a prestación de servizos locais básicos, dos cales 700.000 euros se destinarán á Costa da Morte.
As asignacións económicas que correponden a cada concello oscilan entre os 19.000 e os 52.000 euros en función do número de parados rexistrados en cada municipio. A totalidade dos concellos coruñeses que optaban a estas axudas obtiveron as subvencións,
agás Coristanco, por non ter aprobada e presentada ante os órganos de control externo a última conta xeral do municipio.
Segundo subliñou o presidente provincial, Valentín González Formoso, a Deputación manterá en 2018 a súa aposta polo emprego como a principal prioridade e o eixo transversal de todas as súas políticas. Neste sentido, Formoso lembrou que a liña de apoio aos concellos do PEL, que nos exercicios 2016 e 2017 permitiu a creación de 996 postos de traballo nos concellos coruñeses, aspira a crear este ano arredor de 500 novos empregos, priorizando a inserción laboral das persoas con maiores dificultades. Coa súa asignación do PEL- Concellos, os municipios coruñeses poderán financiar, ata o 31 de decembro de 2018, os custos salariais e de seguridade social derivados da contratación de novo persoal que se destinará á mellora dos servizos municipais básicos.
Bases de contratación
Os operarios, que deberán ser contratados cunha xornada mínima semanal de 25 horas, realizarán labores como recollida e tratamento de residuos, limpeza viaria, mantemento de alcantarillado e alumeado público, melloras no acceso aos núcleos de
poboación e pavimentación de camiños, mantemento de parques e xardíns ou traballos nas bibliotecas municipais.
A Deputación esixe nas bases do programa que a contratación beneficie especialmente a aqueles colectivos máis afectados polo desemprego: maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas cun grao recoñecido de discapacidade, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, persoas en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado entre as mulleres é sensiblemente superior ao dos homes.
Dentro destes colectivos, os concellos primarán a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas admininistracións públicas.
ASIGNACIÓNS DA LIÑA PEL-CONCELLOS 2018 POR MUNICIPIOS
(En función do número de parados de cada concello)
- CORCUBION: 24.958,95 €
- MAZARICOS: 30.992,05 €
- CARNOTA: 31000 €
- DUMBRIA: 31000 €
- ZAS: 34000 €
- PONTECESO: 34000 €
- LAXE: 34000 €
- CABANA: 37000 €
- MUXIA: 37000 €
- MALPICA: 40000 €
- CAMARIÑAS: 39.803,39 €
- FISTERRA: 43000 €
- VIMIANZO: 45.821,85 €
- MUROS: 46000 €
- CORISTANCO: 49000 €
- SANTA COMBA: 49000 €
- CEE: 49000 €
Novas relacionadas
Fonte