Carriza: Aantena volve achegar un proxecto cultural para recuperar a memoria e conectar tradición e futuro
Volve o colectivo costeiro Aantena (formado por varios membros da Costa da Morte) incidir na nosa comarca. Despois de achegarnos os proxectos EcodeSol, Festival Escena Muller, a obra Sol Fuerza, Espazos da Memoria do Monte Pindo, os roteiros históricos polo Reino de Galiza, M.A.N. ou aquelas marabillosas representacións dos Naufraxios, a compañía, co apoio de Agadic (Xunta) para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas, trae un novo proxecto cultural para recuperar a memoria, coidar o territorio e conectar tradición e futuro.
"Carriza", "o mito que esperta para coidar o territorio", arrincaba onte, domingo 17 de maio, Día das Letras, coa representación da obra Sol Fuerza en Baio, espectáculo teatral de aAntena que mestura humor, poesía e investigación para falar da transición enerxética, do despoboamento, das falsas promesas do progreso e da relación entre rural, memoria e futuro.
O programa desenvolverase en varios concellos da Costa da Morte cunha proposta de teatro, contacontos, regueifa, etnomedicina, horta, educación ambiental, memoria oral e realidade aumentada, e viaxará tamén a Villafranca del Bierzo, Vegadeo, San Martín de Trevejo e Villanueva de Tapia.

Cultura como motor do rural
Porque a compañía ten claro que a Cultura ten que ser un motor que faga avanzar ao rural Segundo aAntena, CARRIZA “non é unha suma de actividades, senón un modelo cultural replicable que sitúa a cultura como dereito, como ferramenta de cohesión social e como motor de transformación no rural galego”. O proxecto busca implicar comunidade educativa, persoas maiores, entidades sociais, colectivos culturais, familias e público xeral, xerando espazos de encontro interxeracional nos que a memoria, a lingua e os saberes tradicionais dialoguen con ferramentas contemporáneas.+
Que é Carriza
CARRIZA parte dunha figura poética inspirada no imaxinario galego: a Carriza, un ser sabio e protector que esperta cando a natureza e a memoria do territorio están en perigo. A través desta personaxe, o proxecto articula unha programación multidisciplinar que une oralidade, patrimonio inmaterial, educación ambiental, saberes tradicionais, creación escénica e novas tecnoloxías.
CARRIZA nace co obxectivo de responder a algúns dos grandes retos do rural galego: o despoboamento, a perda da transmisión xeracional, o esmorecemento da lingua e dos saberes tradicionais, a crise climática e a fenda dixital. Fronte a isto, o proxecto propón unha idea clara: lembrar, coidar e innovar.
Un programa para todas as idades
CARRIZA levará aos concellos participantes un conxunto de accións culturais e comunitarias dirixidas a alumnado, persoas maiores, familias, público xeral e colectivos con diversidade funcional.
Entre as actividades previstas destacan Os contos da Carriza, unha sesión de narración oral para infantil e primaria na que a propia Carriza conta historias vinculadas á natureza, á mitoloxía galega e ao coidado do territorio.
Tamén se desenvolverán obradoiros de regueifa, impartidos por Lupe Blanco, en centros de ensino e espazos comunitarios; sesións de etnomedicina con María Moure, centradas nos usos tradicionais das plantas; obradoiros de horta e saberes con Nuska Chousa; e accións de educación ambiental coa entidade Mar de Fábula, que combinarán limpeza de espazos naturais e creación artística con refugallos.
O proxecto inclúe ademais o ciclo Fíos da memoria: mulleres que gardan o tempo, no que se recollerán relatos e saberes femininos vinculados á vida rural. Estes materiais servirán de base para unha memoria audiovisual e para un mapa vivo en realidade aumentada, que permitirá xeolocalizar e escoitar historias do territorio a través de dispositivos móbiles.
Teatro en catro concellos
CARRIZA incorpora funcións do espectáculo Sol Fuerza en catro concellos, reforzando a dimensión escénica do proxecto. A peza, escrita polo camariñán Bernardino Martínez e dirixida por Xosé Leis, conta coa interpretación de Lucía Veiga, Manu Fernández e Virxinia Bermúdez.