Máis de 200 persoas secundaron en Cee a folga contra a Reforma das Pensións do goberno estatal, que se desenvolveu esta mañá de xoves 27 de xaneiro de 2011 convocada pola CIG. E a sensación no seo do sindicato galego é positiva pois a incidencia da folga é semellante á
folga xeral do pasado 29 de setembro, que fora convocada polos 3 sindicatos maioritarios.
A concentración tivo lugar un día antes dunha
"data fatídica para todo o estado", como sinalan dende a CIG, i é que este 28 de xaneiro o Congreso aprobará a devandita Reforma das Pensións. E se desenvolveu nun lugar tan simbólico como diante do INEM, na Praza do Concello de Cee. Alí, baixo o lema "En Defensa das pensións e do emprego", delegados sindicais, militantes do BNG de toda a bisbarra, e veciños e traballadores, entonaron cánticos como "As pensións son un dereito, non un negocio";
"Manda carallo! Nen subsidios nen traballo"; ou "Os postos de traballo de ZP, onde están? quen os ve?".
O mesmo delegado da CIG Xabier Santos asegurou que se o estado aproba a reforma, (e ollo que terá moitas máis consecuencias das que nos estamos a decatar)
"nós seguiremos coas mobilizacións".
Baixa incidencia no comercio e no funcionariado
Pero se a concentración saldouse cun seguemento relativamente positivo, o que non se pode calificar do mesmo xeito é o seguemento da folga. A meirande parte do funcionariado e do comercio non faltaron ao seu traballo. O mesmo delegado da CIG Xabier Santos destacaba que
"hai problemas no comercio, sobre todo nas grandes superficies, como o Gadis ou Carrefour onde os traballadores, sempre contatados de xeito precario, teñen medo de que non se lles renoven os contratos".
Onde si se notou a folga, como sucede habitualmente, foi na fábrica de Ferroatlántica. Aproveitando que os fornos están parados estes días, foron moitos os traballadores que secundaron a folga e que se achegaron ata a concentración.
E houbo tamén algún grupo político que secundou a folga, con todas as consecuencias.
En Cabana, o BNG local da man do seu voceiro David Cancela García, non acodiu ao pleno por considerar que eran cousas máis importantes as que se estaban a decidir co paro xeral.
Folga estudiantil
![Folga 27X - Mocidade - Foto: Marcos Rodríguez]()
Tamén houbo na folga unha participacón da mocidade da bisbarra. Estudiantes de Galiza Nova Costa da Morte participou da mesma coa pancarta "Mocidade de Galiza, contra o Desemprego xuvenil e as reformas das pensións; co Emprego, por un pobo con futuro".
De feito, sempre consideramos que os sindicatos tradicionais están a olvidar as ferramentas necesarias para achegarse á mocidade e facela participativa en todas estas sociais. E deste xeito a xuventude do pais síntense moi lonxe dos razonamentos e das esixencias dos sindicatos tradicionais.
Comunicado da CIG
Con esta folga xeral Baixo o lema “En defensa das pensións e do emprego”, estamos a dar unha resposta aos ataques contra a clase traballadora promovidos dende o goberno español.
Foron con anterioridade os recortes salarias os funcionarios a reforma laboral, co abaratamento do despedimento e empobrecemento dos convenios, a eliminación da axudas de 426 € aos desempregados e desempregadas que esgotaron as prestacións . Reformas que se producen a par dunha voráxime privatizadora dos servizos públicos efectuadas tanto polo goberno do Estado como da Xunta, poñendo en marcha políticas agresivas destes gobernos contra a clase traballadora que se plasman nos orzamentos respectivos con enormes recortes no gasto social e na creación de emprego. Sumidos nunha profunda crise económica que non provocamos pero que nos fan pagar ademais de con estas reformas, coa brutal suba de prezos e impostos, IVE, carburantes, electricidade, entre outros. E con alarmantes taxas desemprego, sobre todo na mocidade.
Agora tocalle o sistema público de pensións, que ten como claro obxectivo dificultar o
acceso ás mesmas, aumentando os anos de cotización e a idade para xubilarse e reducir a contía das pensións futuras. Estas reformas non están xustificadas e a única maneira de frear estes ataques contra a maioría social é recorrer á mobilización.
Recurren o uso de mentiras e manipulacións para xustificar as medidas que o goberno está a levar adiante, especialmente maliciosas no caso da reforma do sistema público de pensións, xa que nada ten a ver coa situación de crise. Os informes de supostos expertos que vaticinan a quebra do sistema; son documentos que veñen presentando de forma reiterada dende hai anos sen que polo momento acertasen nin unha soa vez nas súas predicións. Esta é unha reforma que unicamente interesa ao capital financiero, para fomentar os sistemas privados de pensións, que moven actualmente o 22% dos fluxos de capital mundial. Resulta escandaloso que se pretenda crear na opinión pública a idea de que o sistema actual non ten futuro, cando mesmo nunha situación de crise e desemprego tan brutal, a Seguridade Social segue contando cun fondo de reserva de miles de millóns de euros.
E lamentábel a actitude de UGT e CCOO que, a pesar da reiterada negativa do goberno a retirar o incremento da idade de xubilación e do período para calcular a base reguladora, ambas organizacións sindicais continúen sentadas nesas mesas inutiles, pretendendo vender a idea de que é posíbel un acordo que beneficie os intereses da maioría social. O que NÓS non imos facer é, ante este ataque permanente e obstinado, permanecer pasivos ou protagonizando comedias
ineficaces. CCOO e UGT deberán explicar por que hai unhas semanas tiñan tan claro a necesidade de convocar folga e agora permanecen nunhas negociacións das que é imposíbel que saian medidas favorábeis para os traballadores e traballadoras e que so serven para desmoralizar e desmobilizar a clase traballadora.
Esta é unha folga pola dignidade da clase traballadora galega e baixo o convencemento de que só coa mobilización poderemos parar este goberno e os interese do capital financeiro a quen defende. Así que a loita estamola a dar antes do 28 de xaneiro data na que o goberno presenta o proxecto de lei, pero tamén despois se o goberno persiste no seu intento de sacar adiante a reforma do sistema público de pensións.
Artigos relacionados
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
- Fotografía de Marcos Rodríguez.
- Notas de prensa da CIG.