xoves. 15.05.2025
El tiempo

A Deputación retrasará dous anos a devolución dos fondos PAI aos concellos

A Deputación retrasará dous anos a devolución dos fondos PAI aos concellos
O goberno da Deputación da Coruña presidido por Valentín González Formoso levará ao pleno hoxe unha proposta para aplicar unha moratoria de dous anos na devolución dos préstamos que 76 concellos coruñeses - once dos cales son costeiros - solicitaron nos exercicios 2015 e 2016 ao abeiro do Plan de Aforro e Investimento - PAI - da institución provincial, algúns dos cales debían comezar a devolverse o ano próximo. O PAI é un programa anual de créditos sen xuros que a Deputación pon ao dispor dos concellos que o soliciten para facilitar a amortización da súa débeda e financiar obras, en función do seu nivel de endebedamento. Así, por exemplo, un concello cun 10% de débeda debe destinar esa mesma porcentaxe da súa asignación no PAI a reducir a súa carga financeira, podendo destinar o restante 90% a novos investimentos. Ao ter que devolver só o importe principal prestado e contar cun prazo longo de devolución, supón un instrumento útil para que os municipios amorticen as súas débedas sen ter que pagar xuros ás entidades financeiras. Estes créditos sen xuros tiñan un prazo de devolución de dez anos, mais dous de carencia. Con esta ampliación do prazo de carencia, que pasa dous a catro anos, os concellos que tiñan que comezar a devolver as cantidades asignadas no PAI 2015 o vindeiro ano comezarán a facelo en 2019 e aqueles que solicitaron o PAI 2016 - cuxa devolución comezaba en 2018 - farano a partir de 2020. O prazo de devolución seguirá sendo de 10 anos, polo que rematará tamén dous anos máis tarde do recollido nas bases iniciais do programa; en 2028 e 2029, respectivamente. Dos 76 concellos coruñeses que solicitaron fondos do PAI en 2015 e 2016, 19 dedicaron a súa asignación unicamente á redución de débeda, 14 unicamente a investimentos, e 43 optaron por combinar ambas fórmulas. En conxunto, o PAI 2015 e 2016 serviu para reducir a débeda dos concellos coruñeses en 17.134.905 euros e para financiar 180 obras por importe global de 16.109.224 euros. PAI-2015-2016 Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Deputación da Coruña

Comentarios