A Feira de Oportunidades de Carballo chega con rebaixas do 50%
Esta fin de semana do 8 e 9 de marzo, o parque carballés de San Martiño acollerá a Feira de Oportunidades. Unha feira que trae descontos, polo xeral superiores ao 50% e que, nalgún caso, mesmo chegan ao 80%.
A Feira das Oportunidades estará instalada, como en anteriores edicións, cunha carpa situada no parque do San Martiño, moi preto do centro da vila. Até o momento hai confirmados máis de trinta stands, pertencentes na súa maior parte ao sector do equipamento persoal (moda, calzado, beleza…) mais tamén poderemos atoparnos con postos doutro tipo de ámbitos, como o sector electrodomésticos.
A feira, xa o seu nome o indica, é unha oportunidade para comprar produtos de tempada, a moi bo prezo e de calidade, porque proveñen dos stocks de inverno das tendas locais, que agora han ser liberados ante a chegada da primavera. Para as tendas, é unha oportunidade para liquidar os produtos da tempada que remata. Para as e os compradores, éo tamén para obter produtos a un prezo único.
A implicación do comercio local é, sen dúbida, o segredo da Feira, que está organizada polo Centro Comercial Aberto de Carballo, coa colaboración doConcello e a Dirección Xeral de Comercio.