A pesca artesanal chega ata a feira GustoKO
07:05 11/02/16
En Gustoko poderanse degustar peixes e mariscos da comarca capturados a través da pesca artesanal
Aínda co bo sabor de boca que deixaron os productos da Costa da Morte no Salón Internacional de Turismo Gastronómico a comarca volverá a presumir de materia prima na feira Gustoko que se celebra en Baracaldo dentro da Bilbao Exhibition Centre. Concretamente será a calidade dos peixes e mariscos da Costa da Morte e da ría de Muros e Noia, todos capturados a través da pesca artesanal sostible, serán os protagonistas deste certame que os asistentes poderán degustar.
"Galicia Pesca Artesanal" é a agrupación de catro empresas galegas relacionadas coa comercialización e preparación de diversos peixes e mariscos procedentes da pesca artesanal sostible da zona de Costa da Morte e Ría de Muros- Noia. GustoKO, que se celebra os días 12, 13 e 14 de febreiro, é un certame do sector da alimentación relacionado coa calidade, a sostibilidade na cadea de produción, a orixe e a valoración do desfrute na degustación dos alimentos.
"Galicia Pesca Artesanal" participa nesta feira poñendo a disposición dos asistentes a adquisición e degustación de racións de polbo, navallas, berberechos, mexillóns, percebes así como diferentes opcións dunha receita tradicional do século XIX da empanada galega.
Os distintos produtos poderán degustarse nas catas dirixidas a profesionais e nas distintas sesións de showcooking que se levarán a cabo durante dos días da feira por parte dos alumnos da Escola Superior de Hostalería de Artxanda.
Novas relacionadas
- Mazaricos triunfa no Salón Internacional de Turismo Gastronómico cos bolos do pote
- A Costa da Morte promociona os seus produtos no Salón Internacional de Turismo Gastronómico
- Redacción QPC ([email protected])
- Galicia Pesca Artesanal