Venres. 19.04.2024
El tiempo

A USC destacou o aproveitamento das algas como fertilizante económico e de orixe natural

A USC destacou o aproveitamento das algas como fertilizante económico e de orixe natural
Charla sobre algas da USC en Cee

Interesante charla a que ofreceu o pasado venres a USC en Cee, que segue a liña da compostaxe caseira aberta en concellos como Camariñas, Carballo ou Ponteceso.
Case un cento de alumnos da Xunqueira acodiron á sesión de divulgación científica celebrada ao abeiro das xornadas ‘A conservación do medio natural, tarefa común’, promovidas pola USC e que contan con financiamento de Turismo de Galicia. Neste relatorio, que se desenvolveu baixo o título ‘As algas como fertilizante en agricultura’, a directora do Ibader salientou que as algas, ademais de constituír un recurso para o home con múltiples aplicacións, “son a base de toda unha cadea trófica que depende delas”, polo que recomenda facer aproveitamento sostible deste recurso mariño.

Alumnos ceenses

A directora do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) e profesora do Departamento de Produción Vexetal da USC, Elvira López Mosquera, destacou a gran cantidade de recursos que ofrece o mar, entre os que se atopan as algas, que, arrastradas polas mareas e por acción do vento, chegan ás nosas costas. Estes depósitos constitúen os chamados arribazóns, que foron empregados durante séculos como fertilizante natural en numerosas rexións costeiras de todo o mundo, indicou, ao tempo que dixo que as algas mariñas constitúen unha alternativa interesante como fertilizante de orixe natural de pouca carestía.

Para compost e outras aplicacións

A importancia e as potenciais aplicacións das algas non están sempre recoñecidas, segundo indicou López Mosquera, quen subliña que “nalgúns casos as algas son consideradas un residuo, sobre todo naquelas zonas onde os problemas de eutrofización orixinan mareas verdes, que danan a calidade turística das praias e causan problemas nas zonas de marisqueo”. Esta realidade, engadiu a relatora, “non debe infravalorar as potencias utilidades do aproveitamento deste recurso”.

O uso das algas como fertilizante e as posibilidades da seu emprego para este fin, ben como algas frescas, secas, lavadas, compostadas... centrou a intervención destas dúas investigadoras da USC, que coincidiron en sinalar que naquelas zonas onde as algas constituíron un residuo por episodios de eutrofización, “a compostaxe utilízase como unha das técnicas máis apropiadas dende o punto de vista económico e ambiental para reducir o seu volume e obter fertilizantes de orixe natural”.

A través deste proceso, explicaron, obtense un compost de calidade rico en elementos nutritivos, sobre todo potasio e micronutrientes, perfectamente hixienizado e libre de compostos fitotóxicos e contaminantes como metais pesados, agás que as algas procedan de zonas contaminadas.

Elvira López como Marta Illera salientaron asemade que “para alcanzar as condicións máis idóneas para o proceso de compostaxe é frecuente que se acuda a procesos de co-compostaxe utilizando diferentes materiais con características complementarias”, como son os restos de peixe, outro material doadamente dispoñible na costa galega.

“O compost obtido a partir de algas e restos de peixe constitúe un fertilizante de orixe natural susceptible de ser empregado en sistemas de cultivo ecolóxico”, destacaron as relatoras. “Pensemos que na agricultura ecolóxica hoxe en día existe carestía de fertilizantes orgánicos de calidade, e os fertilizantes realizados a base de produtos mariños de orixe natural poden ser unha alternativa interesante para a fertilización de solos neste tipo de agricultura”, relataron, ao tempo que subliñaron a crecente importancia das producións ecolóxicas e dos niveis de consumo deste tipo de produtos.

Novas relacionadas

Fonte

  • USC.

Comentarios