martes. 12.08.2025
El tiempo

Paseniño pecha xullo con un verán cheo de inclusión, aprendizaxe e alegría

Pasenino cos Bombeiros de Cee
Pasenino cos Bombeiros de Cee
Paseniño pecha xullo con un verán cheo de inclusión, aprendizaxe e alegría

Un verán de especial inclusión o que estamos vivindo na comarca. Este ano as entidades sociais deron un salto de calidade na oferta de campamentos para nenos e nenas con necesidades específicas. Xa o vimos en Carballo co campamento especial da familia de Un Paso Máis, e tamén o vemos no sur da comarca coa xente de Paseniño.

A asociación sen ánimo de lucro vén de poñer o broche a un mes de xullo cheo de inclusión, aprendizaxe e alegría. O seu campamento cultural inclusivo para nenos e nenas con e sen diversidade funcional, foi todo un éxito, ofrecendo propostas de ocio adaptadas a todas as idades ó tempo que as familias poden dispoñer dun tempo de respiro.

O mes de xullo pechouse cun balance moi positivo, con obradoiros creativos, actividades culturais e deportivas, educación ambiental e colaboracións con entidades da comarca.

Tiveron unha xornada dedicada á Seguridade e Educación Vial contou coa colaboración dos Bombeiros do Parque de Cee, os Axentes de Tráfico da Comandancia de Santiago, un gran equipo de voluntariado e a participación das familias. Un día no que os máis pequenos aprenderon divertíndose e compartindo valores.

Tamén houbo espazo para a tradición co Taller de Cestería de Adisbismur, onde se recuperaron técnicas artesanais e se fomentou o traballo en equipo. Ademais, a mesma entidade organizou un obradoiro de plantas e sementes, achegando coñecementos sobre natureza e coidado do medio. A música e o baile tradicional galego chegaron da man do grupo Novo Viana, que encheu o campamento de ritmo e sorrisos.

A educación ambiental foi protagonista na visita a Camelle con Mar de Fábula, unha actividade que combinou a recollida de lixo mariño coa reflexión sobre o impacto do consumo no medio.

A creatividade tamén tivo o seu momento co obradoiro de xabóns e chapas impartido por Íntegro, un obradoiro de cerámica con Adisbismur e unha actividade sensorial no Centro Impulso, que trouxo aprendizaxes e estímulos para todas e todos.

Tamén, durante todo o mes, as e os participantes gozaron das instalacións da Piscina Municipal de Cee e das sesións deportivas en DAFIT, ademais doutras propostas de ximnasia adaptada.

Para poñer o broche final, celebrouse a Festa das Familias grazas ao Concello de Corcubión e á Asociación de Veciños da Redonda, con inchables, xogos de auga, merenda e moitas risas.

Dende Paseniño queren agradecer a todas as entidades, persoas voluntarias e familias que fixeron posible este verán inclusivo, así como ao apoio da oficina CaixaBank de Cee e ao Concello de Cee, que cederon espazos —fundamentais para desenvolver os obradoiros— e colaboraron no custo das actividades culturais.

Máis novas

Comentarios