A Xunta presenta en Laracha o Plan Revive da Costa da Morte
09:40 17/02/11
Reunión en Laracha das altas cúpulas da Xunta cos responsables políticos, de todas as cores, dos 19 concellos que a administración pública entende por Costa da Morte (os 15 concellos que recollemos en QPC máis Santa Comba, Laracha, Coristanco e Carballo). Unha xuntanza para que o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentase o chamado "Plan Revive", cun horizonte temporal ata decembro de 2012 e que habilita axudas que superan os 25 millóns de euros para xerar, na Costa da Morte, investimentos empresariais cifrados en 70 millóns de euros.
O obxectivo é dinamizar a actividade empresarial nestas comarcas, “na procura dun desenvolvemento equilibrado e unha Galicia de velocidade única”, explicou Javier Guerra, que salientou que o Goberno da Xunta “quere que a Costa da Morte sexa un lugar para investir e crear emprego, e o plan Revive senta as bases nesa liña”.
O conselleiro de Economía e Industria engadiu que a Xunta, a través do seu departamento e coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en materia de solo industrial, está a dar “un exemplo de colaboración transversal para apoiar proxectos solventes que sirvan para reactivar a economía das comarcas da Costa da Morte”.
Subvencións
O Plan Revive habilita para 2011 unha partida orzamentaria específica en subvencións destinadas a apoiar investimentos empresariais a partir de 200.000 euros que se realicen nesta comarca. Estes proxectos de investimento poderán contar con subvencións mínimas garantidas do 20% se corresponden a primeiras implantacións en Galicia, e do 15% se se trata de proxectos de ampliación ou modernización de instalacións existentes. Tamén para apoiar grandes investimentos, o plan Revive habilitará préstamos directos do Igape con fondos BEI que terán os xuros subvencionados. O Plan Revive tamén inclúe apoios para os investimentos das pemes, mediante préstamos que disporán da máxima subsidiación de xuros posible, de 2,65 puntos, no marco do correspondente convenio do Igape co ICO, as entidades financeiras e as Sociedades de Garantía Recíproca. Por outra parte, o Plan Revive inclúe un novo programa de financiamento subsidiado para favorecer os investimentos dos emprendedores e das pemes nas comarcas da Costa da Morte. Esta liña será posta en marcha no segundo trimestre de 2011 e prevé mobilizar uns investimentos empresariais de 3 millóns de euros.Novas relacionadas
- O GDR Costa da Morte, con 13 novos proxectos en marcha, analiza a situación da ITV.
- A Xunta garante a regulación das naves na Costa da Morte nos vindeiros 2 anos.
- O Consello da Xunta aproba o gasto da Autovía Costa da Morte.
Fonte
- Nota de prensa da Xunta de Galicia.