Venres. 29.03.2024
El tiempo

Abraham Gerpe, novo alcalde de Coristanco ao sacar adiante a moción de censura

Abraham Gerpe, novo alcalde de Coristanco ao sacar adiante a moción de censura
Pleno da mocion de censura de Coristanco Pleno da moción de censura de Coristanco-Fotos-Lupe Blanco Abraham Gerpe novo alcalde de Coristanco Abraham Gerpe, novo alcalde de Coristanco Con presencia da Garda Civil, este mediodía de venres 25 de agosto celebrouse en Coristanco un pleno singular. O pleno servía para votar a moción de censura que presentaba o xa ex concelleiro do PSOE, Abraham Gerpe, co apoio dos 6 edís do partido popular para botar ao alcalde de TeGa, Amancio Lavandeira. A expulsión de Gerpe do Partido Socialista e a súa incorporación ao grupo dos non adscritos deixaba practicamente imposible a moción, unha vez que o seu voto non sería válido facendo valer a Lei Antitransfuguismo. Moita tensión no pleno, con moitísimo público ateigando o salón, para ver este novo espectáculo político e mediático. E saltou a sorpresa, que dirían nos “sanedrines” futboleiros. Gerpe sacou adiante a moción e o pleno rematou cun novo alcalde, aínda sen saber se como edil do PSdG ou do grupo dos non adscritos. O caso é que Gerpe aproveitou unha especie de baleiro legal e presentou un escrito para demostrar que era ilegal o documento de expulsión do partido. Para solventar a validez dese escrito, e sen tempo para analizalos xuridicamente, votou a chamada “mesa de Idade”, constituída para estas citas para comprobar que se cumpren os requisitos expresados na formulación da moción. Unha mesa formada pola Concelleira do BNG, Laura Mariño, e polo edil do PP, Luís Souto. Mariño votou en contra, pero Souto, máis vello (si, a idade é un valor clave nestas situacións, e curiosamente é un edil do PP o que votou a favor a pesar de que onte mesmo o PP provincial daba por finiquitada da moción), fixo valer o seu voto de calidade para aceptar o escrito de Gerpe. Deste xeito, e ante a maiúscula sorpresa de todo o mundo, procedeuse á votación, e cos 6 votos dos edís do PP e co voto seu propio voto, Abraham Gerpe foi nomeado novo alcalde de Coristanco, aínda que a entrega do bastón de mando quedará para o seguinte pleno.

TEGA e PSdG vai recurrir

Aínda con sorpresa polo sucedido, dende a Agrupación Provincial Socialista explica que “o documento de expulsión presentado a pasada semana estaba abalado polos servizos xurídicos, mesmo de Ferraz”, polo que “para nós, a todos os efectos está fóra do Partido Socialista”. Deste xeito, aseguran que van recurrir a decisión plenaria unha vez que parece que a cousa se convirte nun asunto xurídico. Así, entenden que “a que lle compete decidir se Gerpe é membro do PSdG ou non é ao propio Partido Socialista”, e ademais, entenden que debe ser a Secretaria e non o pleno o que decida a validez do documento presentado. O mesmo apunta o ata hoxe alcalde, Amancio Lavandeira, de TeGa, que sinalou que o partido vai emprender accións legais por ter aceptado o voto dun concelleiro expulsado. “Trátase dunha moción ilegal”, asegurou Lavandeira. Dende o BNG, Laura Mariño considera que "este non é o último capítulo". "Eu para min non cumpre os requisitos, pero  vai ser certo que en Coristanco pode pasar de todo..." En Marea tamén quere denunciar "a actitude antidemocrática do PP na moción de censura de Coristanco". O Vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, rexeitou a nova situación municipal de Coristanco explicando que esta moción de censura "colocará a un ex-alcalde imputado por corrupción como dono do poder na sombra en Coristanco".

O PP abrirá expediente aos concelleiros

A primeira hora da tarde o PP informaba de que abrirá expediente aos concelleiros que apoiaron a moción, por considerar que "non seguiron as directrices do partido.

 

A historia da moción de censura de Coristanco

Máis novas da política municipal de Coristanco

Máis novas

Fonte

Comentarios