![oficina-turismo-camino-fisterra]()
O novo punto de información ao peregrino está ubicado na rúas das Casas Reiais de Santiago de Compostela
Onte inaugurouse no número 31 da rúa de Casas Reais de Santiago de Compostela a nova
Oficina de Información Turística sobre o Camiño de Santiago ata Fisterra e Muxía. As instalacións - xestionadas pola compañía turística Brigantia Viaxes, propiedade de Manuel Canosa Casais e Roberto Martín Canosa Marcote - contan coa colaboración dos concellos de Fisterra e Muxía e da Asociación de Turismo Rural Muxía Natural. Tanto as autoridades públicas como os xerentes de Brigantia presentes no acto de inauguración destacaron o logro acadado ao conseguir implicar e xuntar os esforzos de varias administracións locais da Costa da Morte e do sector privado para poñer en marcha en Compostela unha oficina específica para a promoción do tramo final do Camiño de Santiago, no seu percorrido pola Costa da Morte.
Compostela ten así dous puntos de información ao peregriño sobre a prolongación do Camiño de Fisterra a Muxía despois que o pasado 21 de marzo a
asociación de empresarios do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía Solpor abrira un punto de información nas oficinas de Viaxes Viloria. O dato contrasta, e moito, co número de oficinas informativas ao longo desta prolongación do Camiño; xa que unha vez que os peregrinos se adentran nesta travesía tan só poden obter información ao respecto no
albergue ubicado en Hospital - Dumbría -.
Autoridades
O acto de inauguración contou coa presenza dos alcaldes de Fisterra e Muxía -José Marcote e Félix Porto -; o presidente da Comisión de Cooperación, Plans Provinciais Xerais, Asistencia a Municipios, Turismo e Patrimonio Histórico-Artístico da Deputación da Coruña - Xosé Regueira -; e o presidente da asociación de Turismo Rural Muxía Natural - Jesús Trillo. Finalmente, non puido asistir o xerente de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez. tamén estiveron presentes o deputado provincial de Infraestruturas Viarias e alcalde de Dumbría - José Manuel Pequeño- ; a concelleira de Turismo de Santiago, - Marta Lois -; a concelleira de Turismo de Ames - Isabel González -; o presidente da Federación de Empresarios da
Costa da Morte - José Gabín -; o xerente da asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago - Ramón García -; o presidente da Federación Galega de Turismo Rural - Cesáreo Pardal -; e o directivo do Clúster de Turismo de Galicia e director do hotel San Lorenzo - Carlos Tardaguila -, entre outras autoridades locais, representantes do sector turístico e hostaleiro e entidades vencelladas co Camiño de Santiago.
Horarios
A oficina estará aberta de luns a venres, en horario de 9:30 a 14:30 e de 15:30 a 18:00 horas, e os sábados, de 10:00 a 13:00 horas. As tres persoas encargadas de xestionar as instalacións e de proporcionar información sobre o Camiño de Santiago ata Fisterra e Muxía acreditan estudos de técnico superior en Guía, Información e Asistencia Turística e en técnico superior en Axencias de Viaxes e Xestión de Eventos.
As instalacións de Compostela forman parte dun proxecto turístico global e máis ambicioso impulsado pola compañía Brigantia Viaxes baixo a denominación
ViveFisterra, que se estrea este ano e que conta con financiación do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia. Esta iniciativa inclúe o funcionamento das dúas oficinas de información turística especializadas no Camiño, unha en Santiago e outra en Fisterra; a inauguración o vindeiro ano dun hotel na vila fisterrá e a prestación de toda clase de servizos turísticos. Entre estes últimos, figuran o aluguer de apartamentos e casas de turismo vacacional, a organización e realización de rutas guiadas pola Costa da Morte e entre esta zona e Santiago e viceversa, o aluguer de bicicletas de paseo, de montaña e eléctricas; a venda dos billetes de bus de Monbus para o traxecto Fisterra-Compostela, e o envío de bicicletas a outros puntos de España e a países do estranxeiro, ademais dos servizos tradicionais como axencia de viaxes (venda de billetes de avión, tren, bus, paquetes vacacionais, etcétera).
Entre as principais novidades para a campaña 2018, sobresaen a posta en marcha nos vindeiros días dun bus turístico que fará saídas diarias desde Santiago con destino a Muxía e logo a Fisterra, e retorno no mesmo día, con paradas neses municipios e na Ponte Maceira e no Ézaro; e a inauguración dun tren turístico que conectará de forma permanente o porto de Fisterra co faro, con varias saídas ao longo do día, unha delas para contemplar a famosa posta do sol.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).