Os ADL propoñen aos alcaldes/as da comarca 60 medidas concretas para a Reactivación
- A creación dunha plataforma de venda online e a domicilio para as empresas locais;
- A creación dunha Lonxa agropecuaria comarcal;
- A creación dunha rede de mercados e mercadillos Costa da Morte.

Despois de máis dun mes de traballo, os Axentes de Desenvolvemento Local (ADL) presentaron este luns aos alcaldes/as da comarca unha batería de accións incluídas no Plan de Reactivación Económica da Costa da Morte”.
Un Plan desenvolto "dende" e "para" os pequenos concellos da Costa da Morte, nun marco aberto tanto na definición territorial como na incorporación de axentes colaboradores, e tendo en conta as competencias municipais e os recursos dispoñibles.
A reunión tivo lugar en Vimianzo, e foron a ADL de Camariñas, María Jiménez; e a ADL vimiancesa, Rosa Sánchez, os encargados de expoñerlle aos 14 rexedores dos concellos implicados os detalles do plan. 60 propostas xerais (enmarcadas en 6 eixos estratéxicos específicos: talento, gobernanza, reactivación económica, consumo) das que despois cada concello decidirá cal pon en marcha.
Medidas que pretenden “minimizar os efectos negativos da pandemia, acurtar o prazo de recuperación, consolidar a sustentabilidade social, económica e medioambiental do territorio, reforzar a identidade territorial e colaborar cos diferentes grupos de interese da comarca”.
6 Liñas principais
As liñas máis destacadas por alcaldes e profesionais son:
- Creación dunha plataforma de venda online e a domicilio para as empresas locais.
- Axudas directas ao tecido empresarial local afectado pola COVID-19.
- Posta en valor do monte de propiedade municipal.
- Mesa de concertación: mellora dos procedementos administrativos locais para empresas.
- Rede de mercados e mercadillos Costa da Morte.
- Lonxa agropecuaria da Costa da Morte.

Nesta reunión participaron de forma presencial, ademais da ADL Rosa Sánchez, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela; o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido; o alcalde de Malpica, Walter Pardo, e a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua. Debido á limitación de aforo establecida para a Fase 1 da desescalada o resto de rexedores (Carnota, Mazaricos, Corcubión, Fisterra, Muxía, Dumbría, Laxe, Cabana de Bergantiños e Zas) sumáronse a través de videoconferencia.