Sábado. 12.10.2024
El tiempo

Alertan da necesaria Deseucaliptización de Galicia

Alertan da necesaria Deseucaliptización de Galicia
Incendio acontecido este pasado sábado en Corcoesto-Foto-Petón do Lobo Incendio acontecido este pasado sábado en Corcoesto nunha zona de eucalipto-Foto-Petón do Lobo A raíz da catástrofe de Portugal, e tamén a teor dos primeiros lumes da tempada acontecidos na bisbarra esta fin de semana, vén moi a conto este comunicado conxunto que nos envían asociacións ecoloxistas ERVA, Luita Verde e A Ría Non se Vende, e máis do colectivo en defensa do patrimonio A RULA. Un comunicado que establece as analoxías existentes con Galicia e propón medidas urxentes relativas a prevención de lumes, ordenación do monte, diversificación produtiva e conservación da paisaxe e a biodiversidade, todas elas relacionadas coa necesaria DESEUCALIPTIZACION do país.

Pola deseucaliptización

Ante a recente vaga de incendios que asolou Portugal e considerando a extrema gravedade dos acontecementos, desde os grupos promotores da Asemblea Contra a Eucaliptización queremos destacar:
  • A xestión das emerxencias por grandes incendios, sendo fundamental para evitar o agravamento da súa incidencia, especialmente no tocante á posta en perigo de vidas humanas, non debe deixar en segundo plano a existencia de factores relacionados coa política forestal e de usos do monte.
  • Recoñecendo a complexidade dos problemas asociados á xestión do monte e á prevención e combate do lume, é preciso asumir que a frecuéncia e intensidade de grandes incéndios é un fenómeno relativamente recente, mui posíbelmente favorecido polas mudanzas climáticas. Mais tamén é innegábel que a súa aparición se remonta aos decénios dos anos 70 e 80.
Dito o anterior, existen razóns obxectivas para establecer unha analoxía entre a situación do monte no país veciño e a actualmente existente en várias comarcas da nosa terra:
  • Inmersión dos núcleos de povoación en grandes extensións contínuas de masas forestais de crecemento rápido, sen que os plantíos destas garden as necesárias distáncias preventivas. Alternancia de superfícies produtivas, de extensión variábel e distinto grao de ordenación, con outras nas que prevalece un abandono extremo, resultado da dinámica imperante no mercado da madeira, da ineficácia das políticas de desenvolvemento rural e da auséncia de vontade política para trazar directrices que integren a multifuncionalidade dos montes .
  • Desinterese na aplicación de medidas preventivas no entorno das vías de comunicación: nen faixas de prevención, nen refúxios anti-incéndios (superfícies de acollemento desprovistas de arvorado ou vexetación que poida arder), derivando a responsabilidade cara administracións carentes de capacidade e sen asumir que se siguen a certificar ou tolerar plantíos nos bordes de camiños, pistas e estradas.
  • Inexistencia non só de masas de frondosas autóctonas para a ruptura da continuidade das masas produtivas de eucaliptos e piñeiros, senón tamén de elementos de ordenación forestal con finalidade preventiva ou de ralentización da propagación dos lumes, como faixas de eliminación de espécies pirófitas altamente combustíbeis.
  • No tocante á vulnerabilidade derivada do cámbio climático, parece existir unha afección común por episódios de caréncia continuada de precipitacións e maior duración dos períodos de ventos fortes, co conseguinte descenso da humidade ambiental e dos solos e, por tanto, co incremento da combustibilidade. As máis frecuentes vagas de calor predispoñen as masas forestais máis combustíbeis (piñeiros e eucaliptos) para que cando apareza lume se agraven as emerxéncias coas estiaxes, alongándose ademáis o período de risco alto de incéndio. Nestas circunstancias, os lumes fanse máis virulentos e máis difíciles de atallar e combater, demandando operativos máis rápidos e eficientes. A pesar da relativa eficiéncia do servizo galego de extinción, en grandes incéndios a capacidade de contención é limitada. Lembremos as vítimas mortais de Cerdedo (2006), auténtico precedente do acontecido en Portugal.
  • No aspecto produtivo, predomínio absoluto da silvicultura intensiva orientada ao fornecemento de materia prima para a extracción de celulosa, inexistencia de plans específicos para a incorporación das espécies de frondosas autóctonas á diversificación produtiva e industrial e renúncia da administración competente ao intervencionismo sobre as propriedades en estado de abandono e sobre ao impulso de políticas de ordenación e restrición de usos do monte, en benefício dos intereses das multinacionais da celulosa.
Ante este escenário, os grupos que asinan esta nota reclaman a urxente adopción de medidas extraordinarias tendentes a reducir os riscos da propagación de incendios, e especialmente as relativas a frear a expansión incontrolada de plantíos de eucaliptos. Medidas que poden contribuir, igualmente, á diversificación produtiva, á conservación da biodiversidade e á criación de emprego: A escala globa:
  • Rede Natura: erradicación das masas de eucaliptos
  • Liña de costa: faixa de exclusión de 1km
  • Camiños de Santiago: faixas de exclusión dun mínimo de 1km a ambos lados
  • Vías verdes e outros camiños históricos: faixas de exclusión de 0.5km a ambos lados
  • Paisaxes protexidas: erradicación das masas de eucaliptos
  • Patrimonio histórico e arqueolóxico: faixas de exclusión de dimensións variábeis en función do espazo e elemento patrimonial (mínimo 25m en elementos menores singulares como petróglifos e mámoas e, no caso de elementos maiores como castros ou conxuntos etnográficos e arqueolóxicos, ordenación específica con distancia de exclusión a estudar caso a caso)
A escala local
  • Faixas de exclusión dun mínimo de 50m en:
  • Cursos de agua permanentes, estacionais e brañas
  • Núcleos de povoación, habitados ou deshabitados (distancia incluso maior en función das pendentes)
  • Estradas e vías de comunicación, incluindo camiños de ferro:
  • Nas masas monoespecíficas extensas de piñeiro ou eucalipto, e mesmo nas súas mezclas, na costa e território próximo ao litoral, sería preciso modificar a vexetación nas faixas laterais da rede viária entre 25 e 100m dependendo da pendente e tendo en conta a carga diaria de vehículos. Son especialmente perigosos os eucaliptais de grande porte, porque o lume nesas masa facilita a propagación de faíscas polo aire a longas distáncias.
  • Reserva dunha porcentaxe de superficie ecolóxica para bosque nativo en repovoacións e masas produtivas maiores de 1ha: 30% en eucaliptais, 20% en coníferas e 10% en frondosas e caducifolias, rompendo a continuidade das masas produtivas altamente combustíbeis, aproveitando nomeadamente valgadas e zonas con maior humidade e profundidade dos solos.
  • Erradicación das masas de eucaliptos ventureiros cuxos propietarios non poidan acreditar que sexan masas produtivas coidadas e sometidas a ordenación.
  • No caso do aproveitamento forestal, exclusividade de repovoación con especies frondosas autóctonas nas terras agrarias.
A maiores:
  • Erradicación de todas as especies catalogadas como invasoras-nomeadamente acácias-.
  • Reversión dos plantíos de eucalipto efectuados nos últimos 5 anos en terras agrarias e sustitución por frondosas autóctonas con fins produtivos.
  • Establecemento dun mínimo dun espazo natural protexido e libre de eucaliptos e espécies invasoras en cada parroquia galega, que funcione como reserva de bosque nativo, de xeito que se acade un mínimo dun 10% de superficie total protexida.
  • Incorporación á lexislación da figura de “masa forestal produtiva” para calquera repovoación forestal nova ou existente, implicando a súa declaración por parte do propietario e a catalogación como tal pola administración, coa obriga aparellada de coidados silvícolas e mantemento de faixas de protección e reservas (patrimoniais, núcleos rurais, ecolóxicas.., etc. A non declaración destas masas ou o incumprimento das obrigas asociadas á mesma poderá facultar á administración para a intervención.
  • Protección de todas as masas e rexeneracións naturais de frondosas autóctonas de máis de 1ha, coa limitación dun máximo de cortas do 10% da superficie cada 10 anos, suxeitas a un plan de explotación supervisado e autorizado pola administración.
  • Fomento da silvicultura de madeiras de calidade de frondosas autóctonas ou asimiladas, co obxectivo posto na diversificación produtiva e industrial e na criación de emprego.
Todas estas medidas deberían contar co pertinente acompañamento lexislativo, especialmente aquelas que impliquen a intervención sobre a propriedade, a ordenación dos montes e a restrición de usos e aproveitamentos.
  • Comunicado conxunto de 

    ERVA, Luita Verde e A Ría Non se Vende, e máis do colectivo en defensa do patrimonio A RULA.

Novas relacionadas

Fonte

  • Colectivo A Rula.

Comentarios