Aloumiños extende o seu programa de educación familiar por sete concellos
07:09 18/11/16
A principal novidade do III programa de educación familiar e socialización para a diversidade que pon en marcha pola asociación de persoas con necesidades específicas da Costa da Morte Aloumiños é que se extende por sete concellos da bisbarra. Así, Laxe, Coristanco, Cabana, A Laracha, Vimianzo, Malpica e Carballo serán a sede das sete actividades previstas desde este mesmo mes de novembro ata maio.
Os actos desenvolveranse cada mes nun concello e darán comezo ás 19:30 horas e ás 20 horas abrirase un turno de consultas no que os asistentes poidan plantexar dubidas ou cuestións aos poñentes. Estas actividades están dirixidas a calquera familiar ou persoa interesada na temática. Os actos están abertos ao público ata cubrir aforo.
Programación
As xornadas comezan o vindeiro 24 de novembro no salón de actos do concello de Laxe coa intervención de Ángel Carracedo - profesor-director do Instituto de Medicina Legal na USC - quen falará das "Causas xenéticas da diversidade".
A seguinte cita do programa será o 16 de decembro no edificio de servizos múltiples de Coristanco. Alí intervirán Carmen Iglesias e Estefanía Díaz - directoras de Alere - para falar sobre "como afrontar un fillo/a con NEE". As xornadas volverán o 20 xaneiro ao centro de maiores de Cesullas, en Cabana, onde María Jesús Pita - médido homeópata - falará sobre "Médico homeópata, compañeiro no proceso de curación". A seguinte cita será o 17 de febreiro na casa da Cultura de A Laracha onde se analizará "Que facer?... cando ao noso fillo/a lle pasa algo" da man de Marisa Prenda - psicóloga experta en atención temperá e psicomotricidade -.
Xa o 17 de marzo, a casa da Cultura de Vimianzo acolle a charla "Estratexias de intervención educativa para o alumnado con NEAE desde a inclusión" impartida por Lidia María Gómez, mestra de pedagoxía terapéutica no CEIP Galán en Oseiro (Arteixo). O programa continúa o 21 de abril no centro cívico de Malpica onde Dolores Fernández - directora de Aspaber - impartirá unha charla baixo o título "Unha viaxe inesperada e un mundo a descubrir cheo de capacidades". As III xornadas de Aloumiños rematarán o 12 de maio no Forum de Carballo coa charla "Divina diversidade. A vida orientada á persoa" impartida por Enrique Varela Couceiro, presidente da fundación tecnológica social FTS.
Máis información
Novas relacionadas
- Aloumiños organiza unha charla sobre irmáns e discapacidade
- Aloumiños organiza unha charla sobre o transtorno da linguaxe
- A diversidade dáse cita en Carballo a través de Aloumiños
- Aloumiños e USC preparan o Programa de Educación Familiar e Solidarización para a diversidade
- Aloumiños e o Conselleiro levan os Premios Rosalía e Werto da Fedanpa.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Aloumiños