sábado. 15.02.2025
El tiempo

Antonio Reigosa, 20 anos de Galicia Encantada: "A Costa da Morte é porto de partida para viaxar ao Paraíso"

Antonio Reigosa-Foto-Embora Edicions
Antonio Reigosa-Foto-Embora Edicions
Antonio Reigosa, 20 anos de Galicia Encantada: "A Costa da Morte é porto de partida para viaxar ao Paraíso"

O vindeiro 5 de marzo de 2025, a web Galicia Encantada: Enciclopedia da Fantasía Popular de Galicia cumprirá 20 anos de travesía virtual. Un espazo que recolle os recunchos e as lendas máis singulares do país e como non, tamén da Costa da Morte.

O seu creador, Antonio Reigosa (Mondoñedo), é un escritor e investigador da mitoloxía popular e da literatura galega de tradición oral, que leva coidando este proxecto coa idea de “comunicar, estudar, divulgar e preservar para o futuro o noso patrimonio oral inmaterial”.

Leva máis de 3.000 arquivos compartidos nunha web visitada dende todas partes do planeta, usada como recurso didáctico para manuais escolares e nas aulas, que serve de “arquivo documental” nacional.

O creador e coordenador do proxecto, o escritor e investigador, Antonio Reigosa, conta desde os inicios co impagable apoio técnico da empresa Desarrollos Lugonet e coa excelente colaboración gráfica de Noemí López, e nunca contou con patrocinio de ningún tipo, nin público nin privado.

Falamos con el dende unha perspectiva comarca.

  • Como definirías a Costa da Morte?

A Costa da Morte é unha mestura encantada de terra e mar, de pedra e auga, de luz e sombra. A Costa da Morte é un cabo do mundo, a fronteira ineludible do tránsito entre os dous mundos que habitamos, o dos vivos e o das ánimas ou dos mortos. Pero tamén é un miradoiro desde o que se avista en días propicios o que emerxe da tona da maldicida Atlántida, e é porto de partida para viaxar ao Paraíso. A Costa da Morte é, en fin, un prodixio da Natureza, un milagre, e sempre, un misterio.

  • Cóntame cáles son os teus recunchos favoritos da Costa da Morte, cales che sorprenderon máis, a cal volves cando podes...

En xeral, gusto de percorrer os lugares que agochan enigmas, como os relacionados cos vellos cultos arredor das serpes, a Pedra de Gondomil ou o santuario do Santo Hadrián de Malpica, poño por caso. O que non quere dicir que rexeite, ao contrario, unha visita ao Pindo ou á Virxe da Barca, en Muxía, lugar onde se visualizan á perfección os cultos pagáns arredor das pedras e a cristianización que os tratou de borrar da nosa memoria.

E que dicir das lagoas como a de Alcaián ou a de Xarfas, co ventre preñado de cidades asolagadas por maldición como Galilea, Valverde ou Duio.

Hai moitos lugares da Costa da Morte que me atraen por moi diversas razóns pero sempre que poido, achégome aos acantilados e trato de escoitar as voces que nacen nas furnas ou nas ondas do océano.

  • Cales son as lendas vinculadas á nosa comarca que máis che prestan?

A Costa da Morte é moi rica en lendas de todos os tipos e temas que poidamos imaxinar. Hai ducias de santuarios e fontes milagreiras, pozos, castros, mámoas, pedras e montes, e todos estes lugares están habitados por mouras e mouros, tesouros, trasnos, bruxas e ánimas.. e toda a nómina de seres do noso imaxinario popular.

Na web Galicia Encantada temos varias desas lendas. Cóntase da Sala do Perello (demo), en Pel, próxima ao santuario da Barca (Muxía). A dos bois de Gures, illotes que están a carón da desaparecida Duio (Fisterra), e a da meiga dos dentes verdes, que anda por Carballo, as lendas do castro de Oca (Coristanc), ou a do crego de Limiñoa (Ponteceso) que era quen de colgar a sotana dun raio de sol, os benéficos efectos curativos do carballo de San Fins, en Cambeda (Vimianzo) e as historias da Orcavella, do Vákner e de Pepa, a Loba, a ladroa que andou esas terras, roubando e metendo medo como en tantos outros lugares de Galicia. Coas lendas do monte Pindo abondaría para encher unha enciclopedia fabulosa.

  • Cóntame que cres que define a maxia da nosa comarca.

Xa o nome, Costa da Morte, evoca a maxia. Que poder haber máis máxico que poder contemplar como se deita o sol cada solpor!
As historias que sucederon e que se contan sobre naufraxios ou sobre as viaxes ao Paraíso só se poden escoitar na Costa da Morte. Ademais, eu creo, que dentro de cada un de nós hai algo, un sentimento, unha crenza, un saber que nos dí des que nacemos que, sexamos de onde sexamos, non nos queda outra que visitar, sequera na hora final das nosas vidas, a Costa da Morte.

Outras novas

Comentarios