O BNG denuncia que "o PP mente" e que o proxecto da Autovía segue "gardado nunha estantería"

Hai apenas 15 días o PP evitaba ratificar en datas o seu teórico "compromiso" coa Autovía Costa da Morte no Parlamento Galego. Tras 8 anos sen apenas mover unha pedra, o grupo popular intentaba sinalar que o seu interese por rematar a necesaria infraestrurura, prometida hai 22 anos.
A pesar das continuas esixencias da oposición, ben é certo que este retraso secular, que esta tomadura de pelo á veciñanza da Costa da Morte, non tivo consecuencias electorais. Con todo, segue sendo indignante comprobar o desleixo e desinterese pola comarca, con esta vía na que se comezou a traballar en 2008, e que dende 2016, xa recurtada a Corredor, quedou a medio camiño.
Hoxe volve ser o BNG o que, tras varias pesquisas, denuncia que “o PP mente e segue enganando á Costa da Morte” co proxecto aprobado ata Berdoias (xa practicamente temos esquecido que a vía debería chegar ata Cee e mesmo ata o porto de Brens...). O deputado Oscar Insua preguntou nas oficinas da Axencia Galega de Infraestruturas polo proxecto e comprobou “que todo segue igual, gardado na estantería e aparcado polo PP".
A pesar de que a Xunta segue dicindo que o proxecto está "sometido a información pública”, non hai ningún anuncio no DOG. De aí que o deputado se achegase o pasado venres 24 de maio nas oficinas da Axencia Galega de Infraestruturas en San Caetano para preguntar ‘in situ ‘ como se atopaba o proxecto e a tramitación da licitación. “A sorpresa, en certo modo, foi que na Axencia lle comunicaron que o proxecto da AG-55 ata Berdoias está sen tocar dende hai anos, que nin hai novos proxectos, nin se someteu a información pública nada máis do que xa se sometera en 2005 e 2009, e que o único proxecto que hai é o inicial que remataba en Berdoais, cos traxectos ata Cee e co tramo de conexión ao porto de Brens”, denunciou o deputado nacionalista.
Oscar Insua declarou que “no PP está tan acostumados a enganarnos e a mentirnos descaradamente, que xa nin se lles pon a cara encarnada”, e engadeu que “os populares non merece nin un voto máis da xente da nosa comarca, porque o ninguneo ao que nos someten é un insulto permanente, e cada apoio que reciben os fortalece para seguir mentíndonos. Non queremos vías rápidas, queremos unha autovía plena con dous carrís en cada sentido, nin máis nin menos”. Finalmente o deputado corcubionés remarcou que “é necesario que todos os partidos remen no mesmo sentido se pretendemos, sen máis retrasos, ter unha infraestrutura básica e fundamental para un futuro digno na comarca. A Consellería ten que poñer xa e de inmediato prazos de execución enriba da mesa e deixarse de buscar disculpas de mal pagador”.
Mocións nos concellos
O BNG da Costa da Morte sinalou que, “ante este novo engano do Partido Popular”, presentará mocións en todos os concellos da comarca “para instar á Xunta de Galiza a licitar xa e sen demoras as obras que faltan por facer do proxecto inicial, xa informado hai anos, que non é máis que unha autovía con dous carrís en cada sentido que chegue a Berdoias e logo ata Cee, e non unha vía rápida de só un carril, como parece pretender a Consellería polas intencións manifestadas ata hoxe”.
MÁIS NOVAS DA AUTOVÍA
- Mao 2024: O BNG reivindica desde Berdoias a ampliación da autovía da Costa da Morte.
- Novembro 2023: O BNG reitera a falta de execución de partidas que aparecen ano tras ano nos Orzamentos da Xunta para a Costa da Morte
- Outibro 23: Os Orzamentos da Xunta 2024 reducen a partida para a VAP
- Febreiro 23: A Autovía volve enredarse no Parlamento.
- Febreiro 23: A alcaldesa de Camariñas urxe á Conselleira a reactivación da prolongación da Autovía/Corredor ata Calo.
- Novembro 22: O pleno de Corcubión volveu pedir que se remate a Autovía e que se elimine a peaxe.
- Novembro 22: O PSOE Costa Atlántica lamenta a falta de compromiso dos Orzamentos da Xunta coa Autovía.
- Outubro 22: Os Orzamentos da Xunta inclúen, un ano máis, unha partida para o Corredor Baio-Berdoias.
- Agosto 22: Os socialistas esixen á Xunta que cumpla coas promesas do Corredor.
- Outubro 21: Os Orzamentos da Xunta para 2022 inclúen 3,43 millóns de euros para continuar o Corredor entre Baio e Berdoias.
- Maio 21: SEA e Goberno central reiteran que a conexión do Polígono de Vimianzo coa Autovía é responsabilidade da Xunta.
- Marzo 21: Reiteran a necesidade de rematar a Autovía ata Cee, ou polo menos ata Berdoias.
- Setembro 2020: Lembran os case 20 anos de promesas da Autovía Costa da Morte ata Brens.