Avistan o arroaz solitario pola ría de Muros e unha balea alibranca por Fisterra
Non é normal que os ‘Tursiops truncatus’ naveguen sós polas rías, xa que adoitan convivir en grupo de 15 exemplares de media. Pero varios profesionais do mar que faenan na Ría de Muros-Noia levan varios meses avistando un arroaz solitario nestas augas galega.
Segundo o CEMMA, a soidade deste exemplar pode deberse a que en ocasións estes exemplares non son aceptados nas mandas e se reclúen ata atopar outros individuos das súas mesmas características. De feito, explica que as marcas que ten no corpo son dos dentes doutros individuos., unha vez que durante a sáu adolescencia, despois de deixar a protección da súa nai, puido ter problemas de adaptación a un novo grupo.
Así, intenta achegarse aos humanos para atopar comida, pero a Consellería do Mar recomenda non achegarse demasiado. Tamén é recomendable manter o mesmo rumbo e velocidade e evitar cambiar de dirección ou velocidade, de xeito brusco. Se o animal está situado á popa da embarcación, non debemos dar aceleróns.
Este avistamento non é o primeiro que se rexistra en Galicia, senón que houbo varios casos de arroaces solitarios en Galicia. O máis coñecido foi o golfiño Gaspar, que percorreu as costas galegas dende o ano 2007 ao 2010, sendo observado por última vez nas inmediacións das illas Lobeiras, sen que ninguén soubese do seu paradoiro.
Balea Alibranca
Buceo Finisterre avistaba esta semana a terceira balea alibranca rexistrada en Galicia nas últimas semanas. Así nolo conta o CEMMA, dando conta que esta é a a especie de balea máis pequena do hemisferio norte, e tamén a que está presente en máis meses do ano nas nosas costas.