martes. 18.11.2025
El tiempo

Piden a mellora da pista de skate da Laracha

IMAXE - O PSDEG-PSOE A LARACHA DENUNCIA O ESTADO DA PISTA DE SKATE DO MUNICIPIO
Piden a mellora da pista de skate da Laracha

A pista de skate da Laracha presenta acumulacións de auga nos días de choiva, impedindo o seu uso e xerando dificultades para a práctica deportiva. Así o denuncia o Grupo Socialista do concello, que lembra que esta situación “ten a súa orixe na construción da instalación, cando xa se advertira a ausencia dun sistema de drenaxe axeitado”.

A voceira socialista, Inés Ramos, sinala que “cada vez que chove, as rampas inúndanse”, o que, segundo indica, “xera un perigo para os veciños e veciñas que usan estas instalacións e fai que as pistas queden inutilizables”. Ramos considera que se trata dun problema “sistemático, que se dá dende o momento no que se crearon estas pistas”.

Recentemente, o Goberno Local aprobou o Plan de Melloras das Instalacións Deportivas a través do POS da Deputación, que inclúe actuacións en pistas polideportivas, circuítos de calistenia, sendeiros e mobiliario urbano situados nas inmediacións do skatepark. A portavoz socialista destaca que, malia estas actuacións, “en ningún caso se contempla arranxar este problema que ocorre desde que se fixo o skatepark”. Neste contexto explicou que “non podemos permitir que un espazo público siga sendo unha piscina improvisada mentres se invisten recursos en todo o demais”.

A voceira socialista rematou afirmando que “dende o noso grupo faremos todo o necesario para que esta situación cambie canto antes”.

Comentarios