Venres. 19.04.2024
El tiempo

Baixa nun 32% a lista de espera para consultas externas no HVDX

Baixa nun 32% a lista de espera para consultas externas no HVDX
O tempo medio de espera cirúrxica reduciuse no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee de 41 días a 33, é dicir 8 días menos. Ese pode ser o dato máis salientable do primeiro trimestre do centro hospitalario, que xa se atopa nos mellores números acadados nos últimos 5 anos. Cifras presentadas onte pola dirección do mesmo, que fixo fincapé na necesidade de "manter os niveis acadados ao longo deste ano e reenfocar a atención cara aos pacientes, centrándoa nas súas necesidades. É dicir, na urxencia, gravidade e prioridade dos problemas que motivan a cita ou intervención cirúrxica". Para centrar a atención no paciente estanse a seguir fundamentalmente tres eixos: que a gravidade das patoloxías dos pacientes sexa un factor determinante no tempo de espera media, que exista unha atención de patoloxías preferentes (prioridade 1) en menos de 30 días, e que no resto da cirurxía programada ninguén espere máis de 90 días. De acordo con estes eixos o Hospital Virxe da Xunqueira de Cee está colleitando os mellores tempos acadados nos últimos 5 anos, continuando co incremento do rendemento dos servizos e da actividade en xornada ordinaria, ademais de aumentar a capacidade resolutiva de cada nivel.

Outros datos destacables

  • O número de pacientes que esperan para ser vistos en consultas externas reduciuse nun 32% con respecto ao ano pasado.
  • A Espera Media para unha primeira consulta foi de 31 días fronte aos 67 do ano pasado.
  • Ao longo do primeiro trimestre do 2011, realizándose 803 intervencións, o que supón 43 pacientes máis operados con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior.
  • O rendemento cirúrxico aumentou en 3 puntos, pasando do 72% ó 75%.
  • En canto ao número total de pacientes que se atopaban á espera dunha intervención cirúrxica no primeiro trimestre do 2010 era de 506 fronte os 345 deste ano, é dicir, 161 pacientes menos que no 2010 o que supón unha diminución do 31.8%.
  • O numero de pacientes que tiñan que esperar máis de 3 meses para unha intervención reduciuse nun 75 %, pasando de 51 pacientes a 13.
  • A Estancia media reduciuse de 7.69 días a 6.23 no primeiro trimestre deste ano.

Obxectivos

De acordo a Estratexia SERGAS 2014 estase a incrementar a capacidade resolutiva, traballando en diversas estratexias como a implantación de Vías Rápidas para Patoloxía Oncolóxica, implantación de procesos de Atención Integrada, fomento da utilización da Historia Clínica Electrónica e aumentar as Consultas de Alta Resolución ou de acto único.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios