Domingo. 28.04.2024
El tiempo

O BNG reitera a falta de execución de partidas que aparecen ano tras ano nos Orzamentos da Xunta para a Costa da Morte

Feijoo en 2016 inauguraba, con 13 anos de retraso, a metade da Autovía, só ata Baio
O BNG reitera a falta de execución de partidas que aparecen ano tras ano nos Orzamentos da Xunta para a Costa da Morte

Temos repasado as visións pesimistas (as centradas no esperpento da VAC) e optimistas (as que defende o PP) sobre os Orzamentos 2024 da Xunta para a nosa comarca.

Tras analizalos polo miúdo, o BNG da Costa da Morte lanza a súa crítica opinión sobre os que considera “un engano á veciñanza da Costa da Morte”. De pouco valen as partidas incluídas nos orzamentos se despois non sei executan, entenden os nacionalistas, que calculan que estes pasados anos a Xunta non executa nin o 10% do orzamentado.

De Autovía a Corredor pasando por Vía de Alta Capacidade: 20 anos de promesas incumpridas

O BNG preguntase “ata cando van seguir enganando os populares aos veciños e veciñas da Costa da Morte? Para o ano 2020 anunciaron 1 millóns de euros para a vía de alta capacidade Carballo-Berdoias, para o 2021 anunciaron 6, para o 2022 anunciaron 3.43, para o 2023 anunciaron 3.5 millóns e para o vindeiro ano 2024 anuncian 2 millóns, rebaixando a cifra, porque xa nin eles mesmos cren no proxecto. Xa no ano 2011, o Partido Popular dicía que autovía ía estar rematada no 2013, e no ano 2023 seguimos esperando a que cumpran cunha promesa que se remonta ao ano 2003, cando o consello de ministros anunciaba o Plan Galicia polo catástrofe do Prestige”.

Saneamento da Ría de Corcubión

”O mesmo se pode dicir de outras partidas, como a do saneamento da ría de Corcubión e sistemas de saneamento en Cee e Corcubión, para os que dende o ano 2021, anunciaron 0.84 millóns, no 2022, 2.93 M., no 2023, 3.6 M. e agora anuncian 3.5 millóns de euros”, sinalan.

Lembran tamén a falta de partidas para o Hospital Virxe da Xunqueira, ou o prometido fai 13 anos centro de saúde en Fisterra, para o cal nin sequera se dignan en establecer unha partida para redacta o proxecto”.

O responsable comarcal, Xurxo Rodríguez, declarou que “ano tras ano vemos como o PP promete o de sempre e ao mesmo prezo. Non nos cansaremos de dicir que con este PP sae caro vivir na Costa da Morte, porque pagando os mesmos impostos que o restos dos galegos temos menos servizos, e para obter algún na Coruña ou Santiago, aínda temos que pagar peaxes e combustible”. O político camariñán engadiu que “ O PP está nervioso polas eleccións do vindeiro ano, por iso non se cansa de prometer e prometer, mais a realidade é que vende fume, porque levamos 14 anos de goberno do PP e non hai avances no desenvolvemento da comarca, nin en infraestruturas, nin en servizos”. Por último, manifestou que “ o BNG anunciará esta semana as emendas aos orzamentos para defender a Costa da Morte, para defender os servizos públicos e para que se remate dunha vez por todas a autovía a Berdoias”.

Máis info

Comentarios