Os Orzamentos da Xunta 2024 reducen a partida para a VAP

A Xunta emitía onte un avance dos Orzamentos que a Consellería de Infraestruruas e Mobilidade vai contar de 2024. Son varias as obras que atinxen á Costa da Morte, destacando a presenza de 2 millóns de euros para investir en 2024 na xa chamada Vía de Alta Capacidade VAP Baio-Berdoias. Sería unha nova estupenda se non fose porque os Orzamentos da Xunta de 2023 recollían un investimento de 3,5 M€.
É dicir, os Orzamentos recollen 1,5 millóns menos que o ano pasado, co agravante que os cartos do ano pasado non se utilizaron para nada. “Inequívoco compromiso”, aseguraba o pasado mes de febreiro Ethel Vázquez coa VAP no debate do Parlamento, obviando o millón de euros incluído (e tampouco usado) nos Orzamentos de 2020, no marco dos 6 millóns reflexados en varias anualidades incluídos nos orzamentos de 2019. Todo, sen mover unha soa pedra dende a inauguración do treito ata Baio en 2016.
Iso si, a Xunta compromete un investimento 40 millóns previstos entre os anos 2025 e 2027.
Variante de Carballo
Se a Xunta reserva 750.000€ para o acondicionamento da estrada AC-406, no tramo Portomouro-Santa Comba, apenas reserva 500.000 euros para Variante de Carballo, falando tamén deses compromisos plurianuais que nunca se cumplen ou que se van alongando no tempo, neste caso de 22 M€.
Outros investimentos importantes
Si que trae as contas do ano que vén unha cifra de 5,4 millóns para as obras do Plan de Xestión de Riesgo de Inundacións do río Anllóns ao seu paso por Carballo, que xa se están desenvolvendo.
En materia hidráulica inclue tamén 900.000 euros para a primeira fase de mellora da rede e abastecemento da Laracha; 540.000 euros para o abastecemento a Nantón e Anos, en Cabana.
Hai tamén unha partida de 3,5 millóns de euros para as obras do saneamento da ría de Cee e Corcubión. Unhas obras que que arrincaron hai xusto un ano, que contan cun investimento total de 8,1 millóns (xa había 3,6 nos do ano pasado), e para o que contaban finalizar a primeira fase na primavera de 2024.
Conta cunha partida importante, de 1,5 millóns de euros, o polígono de Coristanco, e a planta de transferencia de Sogama en Ponteceso (1,7 millóns).
NOVAS DA AUTOVÍA
- Febreiro 23: A Autovía volve enredarse no Parlamento.
- Novembro 22: O PSOE Costa Atlántica lamenta a falta de compromiso dos Orzamentos da Xunta coa Autovía.
- Outubro 22: Os Orzamentos da Xunta inclúen, un ano máis, unha partida para o Corredor Baio-Berdoias.
- Outubro 21: Os Orzamentos da Xunta para 2022 inclúen 3,43 millóns de euros para continuar o Corredor entre Baio e Berdoias.
- Novembro 2020: 6 millóns para o Corredor.
- Setembro 2020: Lembran os case 20 anos de promesas da Autovía Costa da Morte ata Brens.
- Febreiro 2020: Anunciada a ampliación da “Vía de Altas Prestacións”, con saída pero sen enlace co polígono de Vimianzo.
- Outubro 2019: Os Orzamentos da Xunta inclúen 1 millón de euros para a VAC, pero as obras non comezarán ata 2021.
- Novembro 18_ “A este ritmo, o Corredor da Costa da Morte estará completo en 2070”.
- Maio 18: A Autovía Costa da Morte, a segunda menos utilizada de toda Galicia.
- Marzo 17: De Autovía a Corredor: Un novo recorte para a imprescindible infraestrutura da Costa da Morte.
- 2016: 13 anos despois, a Costa da Morte terá por fin, media Autovía.