O BNG tratará de impulsar a Mancomunidade de Fisterra cunha batería de propostas
A realidade é que a día de hoxe, a Mancomunidade parece estar máis que amortizada, se non fose porque pode ser un ente tremendamente útil para compartir servizos e necesidades. O lixo, a propia radiONeria… hai moitas cousas que se fan demasiado grandes para un concello poderían pero que a Mancomunidade podería asumir con total normalidade.
Dende o BNG consideran necesario reactivala e veñen de presentar unha moción nos concellos para intentalo. Así piden debater en cada pleno a reactivación do ente, instar a unha reunión coa Deputación para explorar a viabilidade do plan e o financiamento do estudio; así como trasladar este documento ás entidades sociais e económicas do concello para a súa participación no ente.
”Poderíamos mancomunar dúas ducias de servizos como mínimo, pero a realidade da situación que temos na que observamos que aínda non termamos do pouco que hai, lévanos a ser cautos neste inicio dun novo tempo e ter moi en conta o posible financiamento. Consideramos, que é inminente a posta en marcha común de servizos como a recollida de lixo (contedor verde, amarelo, azul e agora o marrón), un punto limpo de residuos voluminosos e líquidos, un servizo de grúa para retirada e depósito de vehículos, a recollida de animais soltos e abandonados, a protección civil, a policía local e a subministración de enerxía eléctrica. Algúns destes servizos, como a protección civil, de facto, xa están “mancomunados”, na medida en que existe unha boa coordinación das agrupacións locais e colaboran permanentemente nos eventos e situacións nas que son necesarios”, explica o BNG.
”Respecto da policía local, tan só Fisterra, Cee e Muxía, están prestando actualmente este servizo, nalgúns casos de forma precaria, por falla de efectivos no cadro de persoal, e sen poder realizar as gardas cumprindo a normativa respectiva. No caso de Dumbría, non se presta, e no caso de Corcubión, tampouco dende que se xubilou o único policía local, quedando vacante a praza e sen convocarse debido ao mínimo de unidades necesarias para ter o servizo activo, conveniando neste caso coa garda civil, a vixilancia do cumprimento das normas de tráfico no concello. Consideramos que é preciso ter unha comisaría única de policía comarcal, con varias unidades, sostida por todos os concellos, para vixiar, prever a vulneración da lei, protexer á cidadanía, controlar o tráfico e exercer de policía administrativa en toda a comarca”.
”A Lei 7/2023, de 28 de marzo, de protección dos dereitos e o benestar dos animais, involucra aos concellos na protección dos animais en situación de emerxencia para que non recaian as responsabilidades só en entidades privadas e sen ánimo de lucro, creando un novo gasto corrente, que se fai inasumible cando aparecen un número de cans e gatos abandonados desorbitado, polo que compensa crear e xestionar un centro público de acollida de animais comarcal”.
”Este documento, pretende ser o inicio dun novo tempo para a xestión municipal na nosa comarca, un documento de impulso e aberto a máis aportacións, pero que non pode ter volta atrás. Os estudios e debates poden reducir ou aumentar os servizos a prestar pola mancomunidade, pero non poden obviar unha realidade que é inminente, a capacidade financeira e económica dos concellos fai augas”.