O BNG vota a favor dos Fondos Europeos de Pesca a pesar de non conseguir a definición da pesca artesanal
“Queremos que Europa trate dun xeito diferenciado á pesca artesanal deixándonos fóra do TACs e as cotas”, berrou o sector da pesca artesanal galega o pasado mes de outubro en Bruxelas, gracias a unha visita xestionada pola eurodeputada do BNG Ana Miranda. Un BNG que presentou varias enmendas ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, algo que non fixo o Goberno galego.
Entre esas estaba a definición da pesca artesanal, como piar fundamental para comezar o trato diferenciado das pesquerías industriais. Pero o novo FEMP foi aprobado onte na Comisión de Pesca, sen esa diferenciación, e co voto de Ana Miranda, que considera que o incremento do 10% do orzamento (e chegar aos 6.867.000.000€) permitirá afrontar as necesidades dun sector estratéxico na economía galega.
Para a eurodeputada do BNG, única representante galega na Comisión de Pesca, é destacable a aprobación da posta en marcha dun programa destinado a protexer a pesca artesanal. En todo caso, Miranda critica que non se recolla exactamente a definición defendida polo BNG e os representantes deste sector .
Denominacións de orixe
Entre outros elementos aprobados no novo FEMP figura o recoñecemento da diversidade de produtos elaborados con peixe e mariscos, e mesmo abre a porta a que se apoien estes produtos co fundo, así como o recoñecemento e rexistro de Denominacións de orixe protexidas. Propón ademais compensacións polo uso de equipos de pesca e marisqueo sustentables.
“Lamentamos que o novo FEMP, que tivo como relator o deputado popular Gabriel Mato non recolle todas as nosas suxestións, pero si inclúe moitas delas, polo que consideramos que supón un avance a respecto do anterior. Seguiremos traballando duro para conseguir melloras para o sector galego”, subliñou Miranda.
Novas relacionadas
- 22-02-19: O Goberno galego non presentou enmedas para que os Fondos Europeos de Pesca diferencien a pesca artesanal.
- Xaneiro 19: Ana Miranda pide que non se obrigue a colocar cámaras nas embarcacións de pesca artesanal.
- Outubro 18: O BNG presentou unha batería de enmendas ao Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro.
- Outubro 18: “Queremos que Europa trate dun xeito diferenciado á pesca artesanal deixándonos fóra do TACs e as cotas”.