Sábado. 20.04.2024
El tiempo

“O BNI axúdanos a cambiar a mentalidade de ter unha empresa familiar de subsistencia, a unha empresa que xera negocio”

Vicente_Dominguez Embutidos Dominguez no BNI Dolmen Dombate
Vicente Domínguez, de Embutidos Domínguez, preside este semestre o BNI Dolmen Dombate
“O BNI axúdanos a cambiar a mentalidade de ter unha empresa familiar de subsistencia, a unha empresa que xera negocio”

”É difícil xuntar 45 empresarios, que se leven ben e que formen un equipo de traballo efectivo. Pois iso é o que é o BNI, un sistema de traballo que nos serve aos empresarios da Costa da Morte para xerar novos clientes e falar dos problemas que temos as empresas”. Así explica Vicente Domínguez, de Cárnicos Domínguez de Baíñas, como funciona o Business Network International ACO Dolmen, esta unión de empresario que leva dous anos e pico en marcha.

"É certo que ao principio custou ir traendo xente, pero a día de hoxe xa temos xerado, sobre todo neste último ano, un volume de negocio arredor dos 2 millóns de euros”, apunta. Negocio xerado nas xuntanzas, de traballo, nada de divagacións, que realizan cada mércores pola mañá, moi cedo para poder compaxinar cos quefaceres diarios de cada un.

  • QPC: Ás 6:55 da mañá… non é moito madrugar?

Que va! Aínda é unha hora máis tarde do que me levanto eu habitualmente… A partir das 6:00h imos chegando os membros, e aproveitamos para falar as nosas cousas, para comezar as sesións de traballo ás 6:55h.

  • QPC: Como é funcionamente do grupo? Que diferencias ten un grupo coma este en contraposición cunha Asociación de Empresarios ao uso?

É moi distinto, isto é algo moi serio, moi ben organizado. Aquí o tempo que temos para falar e divagar é antes e despois da reunión.
Por exemplo, non somos socios, que non pagamos ningunha cota, somos xente apuntada, e cada un ten que traer os deberes feitos, as referencias que lle pediron, os clientes que quere coñecer... Igualmente é obrigatorio vir, e se faltas 3 veces recibes unha carta invitándoche a saír ou a explicarte. Tamén as empresas interesadas, antes de entrar analízanse, e tamén facemos invitacións para que nos presenten a todos proxectos concretos.

Na organización temos o que chamamos o Comité, que agora mesmo presido eu, pero que vai cambiando cada 6 meses. De feito a nós xa se nos acaba a “lexislatura” (risas). Son 15 membros que se van rotando, e son os que van rexistrando todas as actividades e referencias xeradas, tanto as solicitadas como as conseguidas.

  • QPC: Que vantaxes atopan os participantes?

Principalmente son as referencias. Cada persoa pide a quen coñecer, e outras se ocupan de proporcionar citas, para non entrar a porta fría. É o que facemos todos os días na rúa, buscar referencias, clientes, pero de xeito ordenado, programado e rexistrado. Ao final temos uns obxectivos como unha empresa, e hai que ir conseguindo superar os datos.
Ao final, pode convertirse nunha parte importante para unha empresa, nunha canle para conseguir parte dos clientes.
E ademais desas referencias, tamén tes unha relación con 44 empresas, coas que aprendes moito dos problemas que podemos ter os empresarios e é moi enriquecedor.

  • QPC: Que mudou no empresariado da comarca para que un grupo como estes sexa realidade na Costa da Morte?

Xa levan 20 anos en EEUU funcionando, non é ningún misterio, e uns 10 en España. Aquí en Galicia, hai xa arredor de 30 grupos. É certo que é un sistema de traballo de facer negocio que non estabamos acostumados a ver por aquí, pero noto que cada día as xentes de empresa estamos máis ao día, aprendemos e pasamos de ter aquela mentalidade de empresa familiar de subsistencia, a ter unha mentalidade de empresa, de xerar negocio. Coma min, por exemplo, que fun aprendendo polo camiño.

Comentarios