Caamaño&Ameixeiras lanzan o seu novo traballo dende a Residencia Artística Mariñán
O dúo musical costeiro, formado por Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, vén de estrear a Residencia Artística Mariñán. Caamaño&Ameixeiras foron a banda galega escollida pola Deputación da Coruña para disfrutar da primeira estadía dunha semana neste singular espazo, especialmente deseñado para fomentar a creatividade.
As costeiras están a investigar os elementos tradicionais e arquivos sonoros galegos nos que basearán o seu próximo traballo discográfico, cargado iso si, de contemporaneidade.
A idea da Residencia Artística está formulada ademais para a formación específica de cara á profesionalización e a distribución do proxecto. Así, xa tiveron unha sesión con Carlos Barral, esponsable da axencia asturiana El Cohete, e manager de Rodrigo Cuevas desde os seus inicios, nas que puideron afondar na “importancia do desenvolvemento conceptual, a coherencia no discurso e a construción da identidade propia para medrar de xeito sostible e constante”.
Durante estes días poderán conversar con Eugenio González, programador e director de comunicación do festival La Mar de Músicas, organizado polo Ayuntamiento de Cartagena.
Tamén están contando coa colaboración da deseñadora lucense e gañadora do premio Mercedes-Benz Fashion Talent, Melania Freire, para o deseño dun vestiario e escenografía singularizadas e acordes ao concepto que defina o disco.
A vindeira semana, chegará ao Pazo de Mariñán Berto para desenvolver a súa estadía do 23 ao 29 de maio, e no mes de novembro será a quenda de Mario G. Cortizo e Xacobe Martínez Cuarteto Federal.