Un Calendario Científico Escolar para todos os centros de ensino
- Pódese descargar nesta ligazón
Fermoso e máis que interesante o Calendario Científico que ofrece a Unidade de Divulgación Científica e Cultural e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración co Consello Superior de Investigacións Científicas e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). A UDC, única entidade galega neste proxecto, xa está a proceder á impresión e distribución do Calendario por numerosos centros de ensino de todo o país, pero que tamén están dispoñibles para descargar e imprimir na imprenta de confianza.
O calendario achega 365 efemérides do ámbito científico e tecnolóxico (nacementos de persoeiros, conmemoracións de descubertas ou achegas destacables etc.). Está dirixido principalmente ao alumnado de educación primaria e secundaria obrigatoria. Alén diso, vai acompañado dunha guía didáctica con orientacións para o seu aproveitamento educativo transversal nas aulas.
A UDC destaca que en 2022 a versión en galego (hai versións en 10 linguas) foi a máis descargada despois da castelá.