A furna de Osmo, portada do calendario de Ceos Galegos 2023
08:37 10/12/22
En plena candidatura para ser considerado Destino Turístico Starlight (un dos maiores da península), nunca mellor traída a portada do calendario para 2023 do colectivo Ceos Galegos. Unha paisaxe tan característica da Costa da Morte como a furna de Osmo (Corme) vai de portada, e permite observar a Vía Láctea e constelacións típicas de verán, como a Aguia ou o Arqueiro e incluso a estrela Rosalia de Castro.
A edición 2023 deste proxecto de divulgación da ciencia a través de imaxes do ceo nocturno conta de novo cos textos explicativos do físico Jorge Mira e as poesías de Estíbaliz Espinosa. No interior hai outra imaxe da Costa da Morte, a Vía Láctea por riba do Coído de Touriñán (Muxía), unha homenaxe á catástrofe do Prestige. Neste caso, xa a sexta edición de Ceos Galegos, as dúas imaxes son do fotógrafo compostelán Fins Eirexas.
As imaxes, xunto con outras 12 de todo o país, foron escollidas entre case 100 fotografías recibidas para aparecer nesta sexta edición de CeosGalegos. Dispoñible en 90 librarías galegas e unha madrileña, entre elas dúas de Carballo (Clarión e Brañas).