Xoves. 10.10.2024
El tiempo

Carballo apoia o comercio local tamén no Nadal

Carballo apoia o comercio local tamén no Nadal
7.300 agasallos, 138 experiencias, descontos, unha viaxe a Madeira, actividades infantís, animación de rúa e mais actividades multiplican os atractivos da terceira edición de Semecachadescóntovos. Así se plantexa a campaña de Nadal que o Concello de Carballo pon en marcha en apoio ao comercio local. A potente campaña publicitaria que arrincou o día 5 en diferentes medios e soportes de toda a provincia é unha das apostas máis fortes que fai este ano a Concellaría de Promoción Económica para apoiar o comercio carballés. Campaña Nadal Comercio Concello de Carballo Presentación da Campaña de Nadal do Comercio de Carballo “Estamos no mes de maior intensidade de consumo, e a sociedade debe darse conta de que cada compra que se fai en Carballo contribúe a facer pobo”, destacou o rexedor carballes, Evencio Ferrero, na presentación da campaña de Nadal.  O nivel do comercio en Carballo non ten nada que envexar ao de moitas cidades máis grandes, afirmou o alcalde da capital de Bergantiños, e por iso xa non só se trata de que os "carballeses e as carballesas" merquen aquí, senón de que tamén o fagan veciños e veciñas de toda a Costa da Morte e mesmo de toda a provincia. Neste compromiso co comercio de proximidade, a Concellaría de Promoción Económica volve a apostar polo formato de Semecachadescóntovos, “amplificando o que se veu facendo nos dous anos anteriores”, comentou o concelleiro delegado da área, Xosé Regueira. E, deste xeito, ademais desa potente campaña publicitaria, a iniciativa inclúe un programa de dinamización para todas as idades, redes sociais propias, o sorteo dunha viaxe a Madeira e moitos outros premios. “Agardamos que o balance económico sexa positivo, porque iso incidirá no emprego e na sociedade en xeral”, apuntou Regueira. Pola súa banda, a técnica de Promoción Económica, Paula Lema, detallou o contido da iniciativa, na que un ano máis acadouse o teito dos 70 participantes. “Por cuestións de loxística e funcionamento non poden ser máis”, apuntou. E esa é tamén unha das razóns da extensión da campaña publicitaria a toda a provincia, “para que se beneficien tamén dun xeito indirecto todos os establecementos que non participan”. Os 70 comercios estarán identificados coa imaxe do xa famoso rato de Semecachadescóntovos. Ademais, por cada 30 euros de compra entregarán á súa clientela unha tarxeta ilustrada por Laura Tova que na súa parte posterior leva unha zona para rascar e obter premios directos. Ademais, todas as persoas que reúnan as tarxetas coas seis ilustracións diferentes realizadas por Laura Tova poderán entregalas no Museo de Bergantiños e participarán no sorteo dunha viaxe de 8 días-7 noites para dúas persoas, en réxime de aloxamento e almorzo, á illa de Madeira. A campaña tamén inclúe actividades complementarias. Do 26 ao 29 deste mes a planta alta do Mercado Municipal converterase nun recinto lúdico para nenos e nenas. De 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas haberá xogos, talleres, contacontos... Diferentes propostas para que os nenos e as nenas se divirtan mentres os seus pais e nais fan as compras.

Comentarios