Carme Toba e Martiño Nercellas descubren a riqueza apícola como potencial turístico de Galicia
A AGA (Asociación Galega de Apicultura) presentou este pasado martes na Galería Sargadelos en Santiago de Compostela un completisimo recopilatorio visual do principal patrimonio apícola do país. Unha cita que contou a presencia con dous especialistas da comarca como son Carme Toba e Martiño Nercellas, que afondaron na gran importancia do mel na Costa da Morte e os diferentes tipos de construcións.
Trátase dunha proposta de fomento dun turismo vinculado á apicultura, moi popular noutros paises de Europa. E que mellor que un precioso documental das paisaxes e construcións apícolas de Galicia. Entre albarizas, extensos campos de mato floreado, e accidentadas paisaxes dos Ancares, Courel, Ribeira Sacra, ou de montañas interiores coma a Serra do Candán, todas elas que agochan un rica tradición secular apícola e construccións vencelladas, non podía faltar a presenza da Costa da Morte, que nos ùltimos anos ten redescuberto, por mans de diferentes autores, un tan descoñecido coma sorprendente patrimonio apícola.
Da man da muxiá Carme Toba, apicultora especialista en patrimonio, a Costa da Morte sorprendeu pola súa riqueza e historia apícola. Presentou unha detallada relación do inventario e estudo que ten feito de albarizas, lacenas, balados apícolas e ate medio cento de construcións, incluídas algunhas descubertas hai ben pouco.
Continuou a exposición Martiño Nercellas, despois de participar a fin de semana nas Xornadas do Vákner, que fixo unha contextualización histórica deste legado patrimonial poñendo en relación o auxe da vida monástica cisterciense en Europa coma o principal elemento de propagación da apicultura, do seu oficio, e características da súa arquitectura.
O biólogo fisterrán indicou que os inventarios previos máis ambiciosos de principios do 2000, citaban máis de 800 albarizas na Península, pero contaba só coa Galicia das serras orientais. Lembrou que traballos máis recentes sinalaron que este fenómeno tamén se extendía cara o centro e occidente do país. Destacando o conxunto de case un cento de albarizas na Serra do Candán, con algunhas ùnicas por tamaño e elaborada riqueza construtiva. E tamén da sorpresa que supuxo nos últimos anos os redescubrimentos das albarizas en Monte Faro e resto Costa da Morte.
Carme Toba cas albarizas recén descubertas no Monte Faro na Costa da Morte