Mércores. 13.11.2019
El tiempo

O Vákner como motor inmaterial do Camiño

O Vákner como motor inmaterial do Camiño

Facía tempo que a Costa da Morte non vivía unha proposta tan fresca e atractiva, sendo ademais “senporsen” nosa. As Xornadas do “Terras do Vákner” celebradas esta fin de semana no Salón de Actos do Albergue de Peregrinos do Conco, serven para recuperar parte do noso vastísimo patrimonio mitolóxico. Un patrimonio que leva décadas invisibilizado, pero que debe servir como dinamizador do noso sector turístico.

O Concello de Dumbría recupera 500 anos despois a figura do monstro do medievo, o Vákner, para darlle un discurso máis potente ao imaxinario do Camiño de Fisterra e Muxía. Numerosos especialistas en historia, patrimonio inmaterial e no propio Camiño puxeron sobre a mesa as diferentes versións daquela besta salvaxe que, entre os montes do Xallas e a costa fisterrá, atemorizaba aos peregrinos no seu camiño á fin da terra.

O Xacobeo tamén axudará o proxecto DUMU, o Camiño de Dumbría e Muxía ou a posta en valor da Translatio de Cereixo, pero parece evidente que en Dumbría acertaron de cheo coa temática da súa aposta patrimonial. ”Unha aposta innovadora que serve de motor para que outros concellos da comarca sigan o camiño marcado para soñar e dinamizar toda a riqueza patrimonial que temos na Costa da Morte”, valora Martiño Nercellas, un dos ponentes.

Falaron na presentación o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, o vicepresidente da Deputación Xosé Regueira, a Comisaria do Ano Santo 2021, Cecilia Pereira e o empresario Pepe Formoso. ”Vákner pode ser un novo recurso para unha terra na que a lenda, a mitoloxía o misterio, a literatura e a cultura forman parte do seu poderoso atractivo. Supón tamén diversificar as potencialidades, en especial dos Camiños de Santiago, e xunto con elementos xa coñecidos como a extraordinaria paisaxe, a magnífica gastronomía, o rico patrimonio ofrecer a posibilidade de se adentrar nunha historia de medo e misterio que pode ser moi atractivo para o turismo mais tamén para a veciñanza desta terra", sinalou Xosé Regueira.

Pola palestra pasaron especialistas como Fernando Alonso, Aurora Lestón, Ignacio Iñarrea, Alfredo Eiras, Javier Castroviejo, Martiño Mercellas, Manuel Vilar, Francisco Singule José Antonio de la Riera, Antón Pombo… Cada un contou unha particularidade da lenda, como xa fixeran en QPC o propio Martiño Nercellas e José Antonio de la Riera. Con agarimo falaron de dragóns, lobisomes, temibles feras, de históricas viaxes e tramas e, sobre todo, do cariño que profesan pola Costa da Morte. Cunha peza escultórica, de Cándido Pazos, que petrifica a carne do Vákner, unha peza musical (de Bieito Romero) que lle dá unha especial sonoridade, e un extraordinario audiovisual que recolle a esencia de quen fai máis de 500 anos partiu de tan lonxe destino para acabar descubríndonos a temible fera que campou e pode que campe este territorio máxico ao carón da fin do mundo.

Anton Pombo Francisco Sigul e Manuel Vilar e De la Rierra no Territorio Vakner copia
Antón Pombo, Francisco Sigul, Manuel Vilar e José Antonio De la Rierra foron algúns dos especialistas que falaron nas Xornadas do Territorio Vákner de Dumbría

O propio Nercellas analiza o impacto das xornadas do seguinte xeito: “Sen dúbida o Territorio Vákner pode ser o inicio dun éxito que non é que enriqueza, o xa de por si incuestionable valor da ruta xacobea do final do Camiño, o que fai é aportarlle outra arista máis a esa máxia que, sen excepcións, experimentan todas e todos os que peregrinan o Camiño”.

”Mais coidado”, avisa. “Quen quera vivir a experiencia do Vákner debe saber que chegado a Logoso, un adéntrase coa calma e tranquilidade que esixe o último treito do Camiño, debe ser precavido en non invocar a esta fera e maligna besta, pois de facelo, entrará de cheo no país dos Holani, #TerritorioVákner, e unha sensación de medo cada vez máis abafante fará apurar a cada paso máis e, incluso, quen sabe?, correr espantado polo espertar da fera”, bromea en clave de relato.

En defintiva, con estas xornadas, e coas correspondentes recuperacións históricas, o Camiño rescata do tempo “un extraordinario elemento enriquecedor que se suma a beleza e mística da paisaxe da Costa da Morte.”

Novas relacionadas

ARTIGOS RELACIONADOS

Outros artigos de José Antonio de la Riera

Comentarios