O comité de XEAL reclama ante a Xunta a reversión dos dereitos de explotación das centrais hidroeléctricas

A nova serie de mobilizacións do Comité de Xeal tiña onte o seu cumio cunha concentración ás portas do edificio administrativo da Xunta, en San Caetano. Unha concentración para “reclamar, máis unha vez, a súa intervención diante do incumprimento das cláusulas das concesións e para que lle exixan á empresa o cumprimento da sentenza do TSXG”. Demandaron ademais “a reversión dos dereitos de explotación das centrais hidroeléctricas, o cese da represión sindical e a adopción de medidas contra o coordinador que foi sentenciado xa en primeira instancia por acoso sexual”.

O Comité considera que a caída da produción, e a perda de máis de 30 traballadores fixos os últimos 3 anos demostran que a empresa non está respectando esas cláusulas.

Pero as razóns para mobilizarse son moitas máis as estas alturas, como é o caso do condenado en primeira instancia por acoso sexual, que “segue traballando sen problema ningún, non lle aplicaron ningún expediente na empresa e porén, un compañeiro do comité que foi declarar como testemuña nese xuízo despedírono. Isto é oi mundo ao revés”, aseverou.

Paralelamente a empresa deixou caer o convenio colectivo, erguéndose da mesa de negociación, e aplicou o convenio do sector do metal, que ten menos puntos favorables para os traballadores.

Vía penal

O comité avanzou que tamén presentará denuncia no xulgado do penal contra os incumprimentos da empresa e as posibles complicidades que podan darse por acción ou inacción nos entes públicos ou calquera outra institución, así como polos acordos argallados entre Ferroatlántica e TPG, polo cal as fábricas de Cee e Dumbría pasaron a ser unha maquila de FerroGlobe, supeditadas ás decisións deste grupo pero fóra do mesmo.

Reunións políticas

O comité mantivo onte unha xuntanza co grupo parlamentario do BNG e hoxe cos do PP e PSOE e coa directora de Relacións Laborais.

NOVAS RELACIONADAS