Os traballadores de XEAL volveron a concentrarse diante do Concello de Cee
Innumerables son as concentracións que levan realizado nos últimos anos os traballadores e traballadoras de XEAL. A de onte, diante do Concello de Cee, volveu poñer o foco na represión sindical da dirección, pero tamén seguíu loitando en defensa do mantemento do convenio colectivo propio e esixindo por un plan industrial que garanta a continuidade dos empregos e da actividade produtiva.
Unha protesta na que ademais se demanda a readmisión do compañeiro do comité que foi despedido e que a dirección adopte medidas contundentes contra o condenado por vulnerar os dereitos fundamentais dunha traballadora subordinada.
Esta miniserie de mobilizacións continúa o mércores, 23 de febreiro, en Santiago de Compostela cunha concentración diante do complexo administrativo da Xunta en San Caetano, de 11 a 12 horas, para reiterar a petición de reunión co vicepresidente e conselleiro de Economía, Francisco Conde, pendente dende hai meses, para abordar a situación produtiva nas fábricas, o desmantelamento progresivo destas por parte da empresa e os ataques aos dereitos dos traballadores e das traballadoras.
Lembra o Comité que a dirección deu por decaído o convenio colectivo propio e xa está a aplicar o convenio sectorial do metal da Coruña, de condicións inferiores, en todas as materias. Unha decisión xa recorrida polo Comité que ter interposto conflito colectivo para que se siga aplicando o convenio de empresa mentres non se chega a un acordo para o novo convenio.
E aí debería aparecer a Xunta, e por iso o Comité traslada a batalla a San Caetano, para reclamarse que esixa a XEAL o cumprimento das cláusulas das concesións (así como a sentenza do TSXG) e que proceda á reversión dos dereitos de explotación das centrais hidroeléctricas, ante a teima da empresa de desmantelar o complexo industrial e seguir recortando dereitos.
Novas relacionadas
- 11-02-2022: A Xunta non mediará no conflito XEAL.
- Febreiro 22: Os traballadores de XEAL volveron ás mobilizacións, cada vez con máis motivos.
- Xaneiro 21: A CGT critica o despido dun traballador de XEAL só por defender no xuízo á compañeira vítima de abuso sexual.
- Xaneiro 22: O Comité de XEAL pide que a Dirección tome medidas “contundentes” contra o responsable condenado por acoso sexual.
- Decembro 21: A CIG levará a agresión ao presidente do Comité de XEAL aos Xulgados.
- Decembro 21: XEAL rompe as negociacións e deixa sen convenio colectivo aos seus traballadores.
- Decembro 21: A CIG denuncia unha agresión contra o presidente do Comité de XEAL.
- Novembro 21: O Comité de XEAL apoia nos Xulgados á traballadora que sufríu acoso dun superior.
- Xullo 21: O Comité de Xeal denuncia un presunto caso de acoso sexual dun alto cargo próximo á dirección.