Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Os Concellos do Camiño Fisterra-Muxía únense nun ciclo de eventos divulgativos

Mojon do Camino Fisterra-Muxia
Os Concellos do Camiño Fisterra-Muxía únense nun ciclo de eventos divulgativos

Este venres 4 de novembro, ás 19:00h no Museo do Pobo Galego, inaugúrase un programa de actos desenvoltos pola Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía (constituída en febreiro de 2021 da man dos Concellos de Ames, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Negreira e Santiago de Compostela) no marco dun plan de actuación orientado á mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas neste 2022, financiado pola Deputación.

Serán 11 eventos para poñer en valor a importancia do Camiño, comezando coa presentación “Camiño de Fisterra, cabo do mundo. Valores e significacións", a cargo de Manuel Castiñeiras, Presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.

O ciclo continuará os días 10 de novembro, no que participará Antón Pombo, historiador e investigador especializado no Camiño; 17 de novembro, con Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego; e 25 de novembro, con Francesca Riccio, do Ministerio de Cultura de Italia, quen presentará o patrimonio de Puglia e, dentro del, a extensión da Vía Francíxena desde Roma a Leuca no Finibus Terre; un itinerario co que o Camiño de Fisterra e Muxía garda notables similitudes.

Formación

Nos meses de novembro e decembro desenvolverase un programa formativo dirixido ao sector hostaleiro dos municipios que integran a Asociación, composto dun curso de calidade e dun curso de inglés, cada un deles cunha duración de 20 h distribuídas en 5 xornadas.

Exposición

O resultado deste ciclo de conferencias será unha exposición itinerante que percorrerá os municipios de Ames, Negreira, Dumbría, Cee, Corcubión e Fisterra durante o mes de decembro, presentando os valores do Camiño a partir das aportacións dos expertos convidados e facilitando ferramentas para que o público formule as súas suxerencias e/ou comentarios, abrindo así a exposición á participación da poboación local e dos peregrinos.

Internalización

Tamén se realizará unha xornada de internacionalización dirixida a peregrinos doutras nacionalidades aloxados en Santiago de Compostela, co obxectivo de animalos a regresar a Galicia para continuar o Camiño cara ao fin do mundo (data a definir). Asemade, o 30 de novembro convidarase a touroperadores a asistir a unha xornada de familiarización, na que descubrirán os valores deste Camiño a través de presentacións, visitas e degustacións de produtos da gastronomía local.

Dilvulgación

O Plan inclúe unha colaboración coas universidades da provincia da Coruña, a publicación dun libro relacionado con este Camiño e un programa de mentorización; así como unha serie de ferramentas de comunicación, como a creación de marca, o lanzamento dunha web, unha aplicación móbil ou a gravación e edición de material audiovisual e fotográfico.

Todos os resultados deste plan de actuación serán presentados nun gran evento final que terá lugar o 30 de decembro.

Comentarios