Luns. 14.10.2024
El tiempo

Continuidade nas confrarías trala celebración das eleccións

Confraria de Malpica
Confraria de Malpica
Continuidade nas confrarías trala celebración das eleccións

Explicabamos esta fin de semana o complicado proceso de votación que rexe as eleccións ás confrarías galegas. Un proceso electoral que viviu o seu primeiro paso este sábado, coa chamada na Costa da Morte a uns 4.000 profesionais do mar para escoller os seus representante, agrupación a agrupación.

Foi bastante alta a participación, con cifras de ata o 85% na Confraría do Pindo ou 80% en Muxía (pero do 44% en Malpica a pesar da subida), neste proceso que aínda se completará ao longo do mes coa formación da Xunta Xeral de cada pósito, cos representantes máis votados, e da que sairá o patrón/a. Se xa houbo varias confrarías onde todos os profesionais eran elexibles porque ninguén se quixo presentar, pode que pase o mesmo na escolleita dos patróns maiores.

A nota xeral tras estes primeiros comicios é a da continuidade, repetindo a tendencia de 2018 cando apenas houbo 4 cambios nas 12 confrarías.

Corme; Malpica e Laxe

En Malpica, repiten varios candidatos que estaban xa na Xunta Xeral actual, sendo o máis votado o actual Patrón Maior, Pedro Pérez Martelo, que de 28 votos no censo de Artes Menores, levou 22 votos.

Por Corme, o actual patrón, Roberto Vidal, recibiu 9 votos, só cun voto de vantaxe sobre o segundo. Haberá que ver como se constitúe a Xunta e se Vidal pide un descanso.

Igualdade nas votacións ao pósito de Laxe para coller o relevo de Manuel Villar Vidal. Luís Suena Amigo recibíu 16 votos na parte dos empresarios, por diante de Ambrosio Toja Oróns (14), mentres que nos traballadores Paco Charlín (actual vicepatrón e teniente alcalde) recibiu 25, un máis que Raúl Villar Vidal. Veremos se Suena ou Charlín se postulan nas vindeiras semanas ou van a votación para armar un bo equipo que poida levar o barco en tempos complicados.

Camariñas, Camelle e Muxía

Camariñas é o pósito que queda con maior incerteza e con menor participación (arredor do 35%). Xa en outubro houbo cambio, pois Marcos Pasantes collera o relevo de José Ramón Lema Romero, e tralos comicios poderá pasar calquera cousa.

En Camelle, o actual patrón Xosé Xoán Bermúdez, quedou por detrás de Juan Alberto Baña, polo que haberá que ver quen se postula na Xunta Xeral ou se hai que volver votar.

Por Muxía, semella que as cifras deixarán de novo a Daniel Castro Fdez como patrón maior, tras ser o máis votado, con bastante diferencia .

Fisterra e Corcubión

Fisterra foi unha das dúas confrarías de toda Galicia que non necesitou votación, por estar todo o peixe vendido de antemán. Só se presentaron o número exacto de representantes, polo que todo segue igual con Manolete ao mando.

En Corcubión houbo bastante participación pero moi igualada, e haberá que ver se se volve escoller ao actual Patrón Urbano Suárez.

O Pindo, Lira e Muros

O actual patrón do Pindo Fernando Siaba Espasandín, con 11 votos, foi o máis votado do sector do marisqueo a pé (agrupación maioritaria), cun só voto máis que Elena García Lestón, polo que semella que continuará á fronte do pósito.

En Lira tampouco parece que vaia haber moitos cambios e semella que Mariano Lago Louro volverá ser escollido patrón.

Mentres, en Muros todo o mundo está dacordo en que Daniel Formoso Moledo volva ser o patrón maior, e quedará escoltado por Adela como presidenta da Agrupación de marisqueo a pe, e Primitivo Pedrosa como o máis votado na agrupación de artes menores e como presidente da Agrupación do polbo.

Caión

Moita igualdade nos comicios e haberá uqe ver se José Hector Morgade Carracedo continúa sendo o patrón.

Novas relacionadas

Comentarios