![escola-unitaria-romelle]()
A Deputación da Coruña vén de rehabilitar dez escolas unitarias na comarca de Bergantiños e Soneira; unha delas, a da imaxe, foi a de Romelle; no concello de Zas
Durante o pasado ano 2017 a Deputación da Coruña rehabilitou dez escolas unitarias da comarca de Bergantiños e Soneira que, na maior parte dos casos, cumpren agora a función de lociais sociais e culturais albergando actividades e actos de diversa índole, mentres que outros inmobles utilízanse para ofrecer servizos básicos aos veciños, como garderías, ou conservan a súa función orixinal coma centros de ensino.
En total o ente provincial destinou 281.646 euros, a través do Plan de Acción Social (PAS), aos edificios ubicados nos concellos de Vimianzo, Coristanco, Laxe e Zas co obxectivo de mellorar as condicións de habitabilidade das instalacións, con medidas de aforro enerxético, impermeabilización ou illamento, para que poidan ser utilizadas polos veciños e veciñas das parroquias.
Escola unitaria de Ogas-Cambeda
A Deputación da Coruña asignou recentemente os fondos do Plan de Acción Social complementario, que proveñen dos remanentes xerados polas baixas durante os procesos de licitación do plan. O concello de Vimianzo utilizará os 30.000 euros que lle corresponden para rehabilitar outra das escolas unitarias do municipio, en Ogas-Cambeda.
Neste edificio, que funciona na actualidade coma centro social albergando cursos e actividades, instalarase unha nova fachada de panel metálico con illamento térmico para evitar as humidades e a condensación no interior. Esta medida mellorará a eficiencia enerxética, minimizando o consumo de calefacción.
A través do PAS da Deputación, Vimianzo xa acometeu a rehabilitación do centro social e escola unitaria de Carantoña. Estes traballos, que recibiron unha achega de 53.240 euros dos fondos provinciais, xa están rematados e consistiron na renovación dos envolventes da fachada, as carpinterías e os aseos.
As medidas, ademais de mellorar as condicións de habitabilidade do inmoble no que estudan once nenos e nenas, permiten mellorar a eficiencia enerxética co consecuente aforro nos custos derivados da calefacción e o consumo eléctrico.
Dentro deste proxecto do PAS, tamén se incluíu o acondicionamento do parque infantil da propia escola.
San Cremenzo, Carreira, Romelle, Zas e Muíño
No concello de Zas, xa remataron as
obras nas escolas unitarias de San Cremenzo, Carreira, Romelle, Zas e Muíño. Estes inmobles, que actualmente fan as funcións de locais sociais, presentaban graves deficiencias debido á ausencia de illamento e ás filtracións de humidade.
En todos eles acometéronse obras para reparar os desperfectos nas fachadas e dotalas do illamento necesario. Así mesmo, reparáronse os elementos deteriorados pola humidade, coma as cubertas, as armaduras ou as carpinterías.
No caso da escola de Romelle, tamén se remodelou a planta baixa, instalando un baño accesible e cambiando a plaqueta por baldosa de gres porcelánica antideslizante.
Melloras nas escolas de Oca e Rabadeira, en Coristanco
A Deputación achega 68.719 euros para reformar dúas escolas unitarias do Concello de Coristanco que aínda seguen en funcionamento. Trátase dos centros de Oca, onde se habilitou o recinto exterior da escola como zona de xogos e parque infantil, e de Rabadeira, na que se substituíron as fiestras e outros elementos de carpintería, por unhas novas con vidros de dobre acristalamento e mellor eficiencia técnica.
Creación dun PAI na antiga escola unitaria de Laxe
A antiga escola unitaria de Laxe reconverterase nun Punto de Atención á Infancia (PAI), que ofrecerá servizos de gardería e coidados para nenos de entre 3 meses e 3 anos.
A Deputación inviste 63.000 euros neste proxecto, que ten por obxectivo facilitar a conciliación laboral para os pais e nais dos menores que aínda non están en idade escolar.
Para dotar ao concello de Laxe deste servizo, os fondos provinciais sufragarán a renovación da planta baixa do edificio da antiga escola, situado entre a avenida Cesáreo Pondal e a Praza do Concello, que conta cunha superficie de máis de 100 metros cadrados, aos que se suman os 300 metros cadrados do patio exterior cuberto, que servirá de zona de recreo.
Este espazo remodelarase para dar cabida a unha zona dedicada aos usos internos e de funcionamento do centro, coma a recepción, un despacho e unha zona de aseo.
Nun segundo espazo, xerarase unha aula polivalente e varias áreas destinadas á preparación de alimentos, ao descanso e a un baño específico para os nenos. Tamén haberá unha zona de xogos e espallamento, recuberta con pavimento brando de caucho e que contará con acceso directo ao patio exterior.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Deputación da Coruña