Deputación e os 12 concellos retoman, outra vez, o Parque Arqueolóxico do Megalitismo na Costa da Morte
Parece un deses proxectos que nunca acaban de materializarse, deses que a propia idiosincrasias costeira se ocupa de desfacer. Un , que parecía rescatarse en 2011 mesmo cunha partida orzamentaria de 4 millóns, pero que acabou quedando no caixón. Ata que esta Deputación se propuxo rescatalo en 2018.
Pero xa van 7 anos dende aquela primeira xuntanza nas Torres do Allo, en parte polas continuas peticións de adhesións de novos elementos. Se en 2011 eran propostos 15 enclaves de 8 concellos, a día de hoxe hai xa 12 concellos implicados e máis dunha vintena de elementos.
O proxecto parece que volve coller forma, e esta mañá, o deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xosé Luis Penas, asinou a renovación do convenio de colaboración cos concellos da Laracha, Cabana, Carballo, Cee, Coristanco, Dumbría, Laxe, Malpica, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo e Zas para regular o proxecto ‘Parque Arqueolóxico do Megalitismo na Costa da Morte’ co obxectivo de promover e poñer en valor o patrimonio megalítico na comarca.
O acordo supón a continuidade dos traballos que permitirá a xestión conxunta e coordinada deste proxecto para, así, impulsar a conservación, difusión e aproveitamento turístico e cultural dos elementos de arte rupestre presentes no territorio. A través deste convenio, as entidades comprométense a agrupar recursos humanos, materiais e económicos co fin de garantir unha xestión eficiente e sustentable do proxecto.
Ao mesmo tempo a sinatura da renovación do convenio supón a aceleración dos traballos actuais en marcha en materia de sinalización, renovación do comité científico-técnico, roteiros, comunicación e xestión dos terreos para facilitar as visitas, entre outros.
A próxima data de reunión que será o vindeiro 20 de maio en Vimianzo que ostenta a presidencia rotatoria neste ano 2025.
NOVAS SOBRE O PARQUE DO MEGALITISMO
- Outubro 24 Deputación e concellos xuntáronse para avanzar no proxecto do Parque de Megalitismo da Costa da Morte.
- Vimianzo solicita a inclusión do Castro das Barreiras no Parque Arqueolóxico do Megalitismo.
- Outubro 23: O Consello Director do Parque do Megalitismo da Costa da Morte focaliza os seguintes pasos na difusión.
- Novembro 21: Coristanco súmase ao Parque do Megalitismo co dolmen de Chan das Embarradas.
- Xuño 21: Xornadas de Promoción: Pondal fainos reflexionar sobre o potencial do Parque do Megalitismo.
- Maio 21: O Parque do Megalitismo avanza coa organización dunhas xornadas e o acordo para sinalizar os 17 momumentos
- 12-04-21: A Deputación e 10 concellos intentan o impulso definitivo ao Parque do Megalitismo da Costa da Morte tras 20 anos de promesas.
- Decembro 2020: A pandemia tamén provocou o eterno retraso do Parque do Megalitismo.
- Novembro 2018: O Parque do Megalitismo dá pasos concretos.
- Marzo 2018: A Deputación recupera do caixón do esquecemento o Parque do Megalitismo da Costa da Morte:
- 2014: O Parque do Megalitismo da Costa da Morte, 13 anos de quimera.
- Outubro 2011: Pasiño a pasiño co Parque do Megalitismo.
- Xullo 2008: Un paso máis cara a aprobación final do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte.