Pondal fainos reflexionar sobre o potencial do Parque do Megalitismo
Arrincaron onte as Xornadas arredor do Parque do Megalitismo artelladas pola Fundación Eduardo Pondal e a Deputación da Coruña. Unhas xornadas, enfocadas para os profesionais do turismo e para os propios Concellos, que serven ademais para coñecer a imaxe corporativa deste proxecto, que pretende servir de motor cultural de toda a Costa da Morte, e sobre todo, dos 10 concellos da comarca implicados.
Comezou Suso Martínez, facendo dun Pondal anfitrión, cunha espectacular benvida, e foi Cristina Abelleira, en clave poética, a que presentou o proxecto, facendo fincapé na necesidade de recuperar os 14 megalitos para a súa veciñanza. “Cantos vimianceses non fixeron aínda a ruta dos dólmenes?”, preguntouse Abelleira, dando conta de que o Parque pon en valor estes 14 “elementos dinamizadores e xeradores de novos produtos culturais, que nos serven para un gran aproveitamento turístico sostible e, sobre todo, para unir esta comarca de comarcas.”
Pasaron expertos e expertas dando as claves para todo este desenvolvemento como Felipe Senén, César González-García, Gail Higginbottom, Goretti Sousa, Nava Castro, Jose Luís Pérez Añón, Lois García Souto, ademais da música Irma Macías.
Despois fixeron un paseo pola casa natal de Eduardo Pondal.
Aquí podedes seguir as 3 horas da primeira sesión:
Pola tarde Xan Fdez. Carrera fixo unha visita pola Fontela dos Mouros, da man da música do laxeiro Víctor Manuel Pose García. Xa en Dombate tomaron a palabra José María Bello, Luis Jaime Rodríguez, antes de dar paso á representación teatral dos Quinquilláns e a recuperación dos sons de Abraham Cunqueiro.
Toda a finde de visita
As xornadas continúan sábado e domingo cun programa completísimo de megalito en megalito. Xosé María Lema repasará a historia de Pedra Cuberta e da Pedra da Lebre en sendas visitas; e Álex Castro fará un microconcerto na Arca da Piosa. Pola tarde, as saídas serán a Regoelle con Pablo Sanmartín e Natalia Lema, ao Dolmen da Parxubeeira con Antón Rodríguez Casal, para rematar coa obra dos Quinquilláns e o microconcerto de Irma Macías e Bieito Romero no Castelo de Vimianzo.
Para o domingo quedan as visitas á Anta de Erboedo con Purio Souto, ás Pedra Abaldoira con Jesús Souto, e ao Dolmen de Aldemunde con Evaristo Domínguez Rial, coa intervención poética de Rosalía Fdez. Rial. Pola tarde, Xosé Manuel Varela levará a historia do Dolmen de Cerqueda coas pandeiretas da Raigaña, e rematará a xornada con Jorge Mira, en Punta Nariga, como único lugar de Galicia onde o sol nace e morre no mar”. A clausura será nio Forno do Forte.
Novas relacionadas
- Maio 21: O Parque do Megalitismo avanza coa organización dunhas xornadas e o acordo para sinalizar os 17 momumentos..
- 12-04-21: A Deputación e 10 concellos intentan o impulso definitivo ao Parque do Megalitismo da Costa da Morte tras 20 anos de promesas.
- Decembro 20: A pandemia tamén provocou o eterno retraso do Parque do Megalitismo.
- Novembro 2018: O Parque do Megalitismo dá pasos concretos.
- Novembro 2018: O Parque do Megalitismo, cada vez máis cerca.
- Marzo 2018: A Deputación recupera do caixón do esquecemento o Parque do Megalitismo da Costa da Morte:
- 2014: O Parque do Megalitismo da Costa da Morte, 13 anos de quimera.
- Outubro 2011: Pasiño a pasiño co Parque do Megalitismo.
- Xullo 2008: Un paso máis cara a aprobación final do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte.