Venres. 19.04.2024
El tiempo

A Deputación promociona en Durham o Camiño a Fisterra-Muxía

16-08-2021 13-39-52 VIDEOCONFERENCIA 02S6
A Deputación promociona en Durham o Camiño a Fisterra-Muxía

Outro dos Finisterraes europeos terá unha vinculación especial coa Costa da Morte. Falamos do Condado de Durham, ao nordés de Inglaterra, despois de que a Deputación asinase un convenio para a promoción conxunta do Camiño Inglés e o Camiño Fisterra- Muxía.

Foi o deputado de Economía e Facenda da Deputación da Coruña, Antonio Leira, o que rubricou a continuación dunha colaboración que se remonta a 2017 co km.0 da ruta peregrina británica na abadía de Finchale, no condado de Durham”.

A chegada de máis visitantes británicos á nosa comarca pola extensión Xacobea fixo que as entidades ampliasen a colaboración, que xa ten permitido proxectos como a instalación dos primeiros sinais do Camiño de Santiago en territorio británico, a creación dunha credencial específica que acredita a peregrinación a Santiago desde Finchale, ou intercambios de alumnos de colexios británicos e coruñeses.

Agora intentarán abordar a edición de novo material gráfico e audiovisual en español e inglés para promocionar o Camiño en ambos territorios, a promoción conxunta dos destinos en feiras e eventos turísticos e culturais, a colocación de paneis informativos na ruta do Camiño Inglés do condado de Durham e na provincia da Coruña ou a colaboración en proxectos europeos coma o Life Water Way, que permitirá instalar en territorio británico fontes de auga potable similares ás que xa se están instalando na provincia da Coruña.

Ademais, a Deputación da Coruña, en colaboración coas Oficinas de turismo dependentes de Turespaña en Reino Unido e Irlanda, está a organizar dous fam trip para promocionar o Camiño Inglés. A primeira viaxe terá lugar entre o 8 e o 12 de setembro e nela participarán xornalistas e prescriptores británicos que virán a coñecer os camiños da provincia da Coruña. Neste grupo están representadas asociacións inglesas como Friends of Finchale Camino, Reading UK, persoas relacionadas coa cultura provintes de St Barbe Museum Lymington, ou de entidades como Visit Durham. Tamén da Confraternity of Saint James & Saint James Way, e o deán de Catedral de Soutwark. Participan tamén viaxeiros irlandeses de asociacións como Walshingham Way (Norfolk) ou do Oxford Centre for Pilgrimage Studies.
Na segunda viaxe, do 22 ao 26 de setembro, virán a provincia da Coruña touroperadores ingleses interesados na paquetización, comercialización e venda do noso camiño.

Comentarios