Venres. 04.10.2024
El tiempo

Un Día polo galego, e polos medios en galego

Dia dos Medios en Galego-Rosalia Fdez Rial
Rosalía Fdez. Rial puxo a nota poética no Día dos Medios en Galego
Un Día polo galego, e polos medios en galego

Esa foi a reflexión de Manel Pardo, responsable do diario compostelán Lindeiros.gal, que pechou a celebración do Día dos Medios en Galego. Pardo, en nome da organizadora Asociación de Medios en Galego, da que QPC é socio fundador, quixo reivindicar o papel necesario do xornalismo en galego, e fixo fincapé na necesidade de seguir loitando polo patrimonio inmaterial que supón a nosa lingua; pero que tamén temos que coidar a parte dos “medios”. “Nós xa falabamos das Tanxugueiras fai dous anos”, sinalou revindicando o papel de “medios de verdade” dos máis de 140 que temos no país comunicando en galego.

Dia dos Medios en Galego institucions
Os representantes das institucións no edificio da Zona C

Xusto antes do peche institucional, no mesmo edificio da praza de Cervantes que outrora fora o Concello, a carballesa Rosalía Fernández Rial fixo un espectáculo poético-musical dos que meten os pelos de punta, no que unha vagha de mar invadiu o casco vello compostelán dende a Costa da Morte.


Non sen antes, disfrutarmos da segunda actuación dOs Quinquilláns, que representaron a peza ‘Language Planning’, baseada nun dos relatos de ‘Made in Galiza’ de Séchu Sende. Seica lle roubaran a lingua a unha traballadora da TVG que recuperou gracias ao pan de Ousá, de Ribeira e de Cea.

O percorrido do Roteiro, que tiña este ano por lema ‘Bota a lingua a pacer’, estivo acompañado do grupo de gaitas da Asociación Cultural Panaraiada. Arrincou no Salón Teatro, dedicado a Roberto Vidal Bolaño, precisamente cunha escena da súa obra “Doentes” representada pola mesma compañía, que serviu para conmemorar así o vinte aniversario so seu pasamento.

Despois, o roteiro continuou na Praza da Universidade, no antigo Restaurante El Asesino, onde o filósofo Antón Baamonde describiu a importancia dos bares, e deses faladoiros que se artellaban aqueles necesarios faladoiros para combater as desigualdades.
O escritor Bieito Iglesias foi o encargado de vincular a relación entre a Universidade de Santiago de Compostela co galego, noutra parada que se realizou na Facultade de Xeografía e Historia. Houbo tamén unha visita ao Colexio de Santo Agostiño, onde a profesora Anxos García Fonte debullou a relación de Rosalía de Castro coa cidade, contando a importancia que tiveron aqueles 10 anos formativos na vida da nosa icona.

Foron intervencións, nunha fermosa mañá soleada, que deixaron ás máis de 50 persoas que se uniron ao roteiro, con gañas de saber máis.

Comentarios