Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Editorial: Que difícil exercer a democracia…

Debate en Ponteceso QPC
Imaxe do Debate QPC en Ponteceso. Foto: Alberto Pose
Editorial: Que difícil exercer a democracia…

Despois dos tres debates públicos e abertos organizamos por QPC no marco destas eleccións municipais do 28 de maio de 2023, gustaríanos facer unha reflexión sobre o complicado que ten sido sacalos adiante. A pesar de que o feito de debater, de confrontar ideas, debería ser unha cousa normalizada, como defendía Mohammed Safa, o oftalmólogo e activista palestino afincado na comarca, e ideólogo destes encontros abertos entre candidat@s e veciñanza, durante a presentación do debate de Cee, a nosa experiencia ten sido un esperpento.

Cómpre remontarnos a 2015, cando Safa instou a QPC a organizar o primeiro debate público en Cee. Debate no que declinaron participar 4 dos 7 candidatos á alcaldía… En 2019, a celebración do debate na vila da Xunqueira foi imposible pola negativa de Ramón Vigo (nalquel entón alcalde e candidato de IxCee) e Margot Lamela (candidata do PSOE).

Esa aversión por dar a cara ante a veciñanza repetiuse este 2023. Semella que poñerse diante de xente que non vai ao teu mitin para aplaudir, e non estar agochada detrás dunha cabina radiofónica, non é tan doado.

A nosa intención, no comité formado por Ubaldo Cerqueiro, Mohamed Safa e Alberto Pose, este ano era facer 4 debates: un en Cee, un en Malpica, un en Ponteceso e outro en Santa Comba.

Santa Comba, O debate que non foi

O de Santa Comba foi imposible. Sorprendemente o candidato socialista Alberto Romar, rexeitou de xeito brusco e incomprensible a nosa oferta, argumentando que “non se sentaría con eses dous nin a tomar o café”… Iso se chama entrar en política con gañas de chegar a consenso… Posteriormente a actual rexedora e candidata do PP, María Pose, declinou participar nun acto público pois entendera que o debate ía ser na Radio Xallas. Primeiro debate caído.

Cee, a problemática maiúscula

O de Cee foi un auténtico desgaste. A actual alcaldesa e candidata do PSOE, fixo todo o posible porque o debate non se levase adiante. Especialista en inventarse inimigos, mesmo no seu partido, considera que a familia de QPC é directamente parte da oposición… Non respondeu, durante máis dun mes, ás invitacións realizadas por este xornal mediante mensaxes, chamadas, correos… Só o último día, despois de colgarmos o cartel do debate coa súa faciana e un claro “* sen confirmar”, un membro da Provincial e a número 2 do partido (non tivo valentía para chamar) chamounos en ton ameazante para que quitásemos a súa foto. Foi aí, o último día, cando a número 2 finalmente confirmou que non ía participar a súa candidata…

Polo camiño, a alcaldesa tivo arrestos para rexeitar cedernos o auditorio da Casa da Cultura, argumentando que deberían estar ao servizo dos partidos, cando sabía que o día que iamos organizar o debate non había ningún partido que fose utilizar o auditorio. Xunta electoral de Corcubión por medio, tivo que ser un dos 3 partidos que si se brindaron a participar no debate o que reservara o espazo para poder realizar o debate, pois a día de hoxe aínda non temos resposta á segunda petición realizada por rexistro.

Polo camiño Víctor Somoza enfadouse por non telo invitado de primeiras, debido á nosa idea primeira de ter, como fan nos debates das canles públicas, só os candidatos con presenza plenaria. E cando o invitamos, declinou participar, non sen enviar un vídeo polas redes sociais no que se suma ás ideas conspiranoicas da alcadesa de que QPC é parte dun dos grupos da oposición… En fin…

Ao final, foi unha mágoa non contar coa gran protagonista da lexislatura, pero os 3 candidatxs participantes no debate, Jesús Picallo, Pilar Iglesias e Serxio Domínguez, demostraron que dar a cara é o menos que ten que facer un político ante os seus cidadáns.

Malpica, exemplo democrático

Por todo isto, temos que agradecer ao máximo todos os candidatos que si se brindaron, dende o primeiro momento a participar no debate malpicán. Fixeron posible, e da mellor maneira, conversando, combatendo ideas, un fito histórico.

Ponteceso… O eterno circo de Lois

Non tivo a ben Lois Carballido (actual alcalde e candidato do PSOE) responder se viña ou non viña ao debate a pesar das constantes peticións. A súa falta ademais, condicionou a participación de Roberto Andrade (Adiante x Ponteceso), que preferiu contraprogramar cun mitin nunha parrroquia. Pero os 4 candidatxs participantes demostraron, durante 2 horas completas, o necesario e positivo que é debater. 

Máis Info

Comentarios