Venres. 19.04.2024
El tiempo

Fins Eirexas sobre a estación de bombeo da Ruña: “Hai moitas posibilidades de que este proxecto naza xa morto”

  • “Quen ten que autorizar o proxecto da estación de bombeo na Ruña é o Ministerio”
Fins Eirexas na mesa de Mazaricos-Foto-Juan Louro
Fins Eirexas na mesa de Mazaricos-Foto-Juan Louro
Fins Eirexas sobre a estación de bombeo da Ruña: “Hai moitas posibilidades de que este proxecto naza xa morto”

Moi ilustrativa foi a sesión informativa organizada o pasado domingo pola Plataforma Salvemos A Ruña. Unha cita que serve para esclarecer as consecuencias que pode ter a estación de bombeo de altura que ameaza a riqueza natural do monte da Ruña, o cumio máis alto da Costa da Morte.

Queremos afondar sobre o falado na Casa da Cultura da Picota e facémolo con Fins Eirexas, representante da Asociación Ecoloxista ADEGA, que se amosa cauto (“aínda non hai presentado nin preproxecto”) pero tamén se amosa “optimista” medioambientalmente falando (“hai moitas posibilidades de que este proxecto naza xa morto”).

O que está claro é que había moitas cousas que a veciñanza non sabía (como que é un proxecto que vai depender da aprobación do Ministerio, non da Xunta, por pasar dos 50MW), e que polo de agora queda moito por diante. “Compre esperar os datos, así que de momento hai que estar tranquilos, con tensión pero con calma ata que saia algo, se é que sae algo. Pero se isto é un globo-sonda, pinchémolo antes de que se poña a voar.”.

 
Vidal Romani e Fins Eirexas en Mazaricos-Foto-Juan Louro
Vidal Romaní e Fins Eirexas en Mazaricos-Foto-Juan Louro
  • QPC: Antes de nada. Cómpre lembrar que é unha estación de bombeo, non?

Trátase dun reservorio, un almacén de enerxía, un encoro ao que bombeas auga cando está barata para lanzara cara abaixo e turbinala, producindo así enerxía para vender cando está máis cara, en función, lembremos, do prezo do gas. En algúns lugares ten certo sentido, pero no río Xallas xa temos 6 ou 7 balsas. Para que queremos unha máis? Non é eficiencia, é negocio.

Por que non bombeas de novo de Santa Uxía á Fervenza en vez de construir un novo encoro? Eu deixo esa idea.

  • QPC: Pódese chamar a iso "enerxía renovable"?

Entra unicamente no concepto de negocio e lucro. A luz que vas gastar en bombear ata arriba vai ser maior que a que vaias turbinar cara baixa. Que sentido ten?
Ademais, en Galicia, exportamos o 30% da enerxía eléctrica que xeramos. Temos enerxía de sobra.

 
  • QPC: Volvendo á Picota, que che pareceu a sesió?

Moi completa. Sobre temas económicos estivo moi ben o Presidente da Organización galega de comunidades de montes en man común, Alfredo Pereira, que lles puxo un exemplo claro. O terreo é propiedade de comuneiros, lembrando que é a asemblea, e non a rectora, a que ten que decidir a aprobación da cesión dos terreos.
Ademais, puxo un caso real: imaxinade unha Comunidade de 10 propietatios que vai ingresar 100.000 euros ao ano segundo o que promete a empresa de turno. O veciño pensa que vai ingresar 10.000 pero hai que lembrarlles que a lei de montes obriga reinvestir o 60% no propio monte, e despois están ois impostos… así que deses 100.000 euros a unha ccomuniade de 10 veciños, entrarían 2.000 euros ao ano como moito.

Lanzou moito ese “non vos deixedes engaiolar por eses cantos de serea”, que nunca compensa. Ides ceder o uso por 25-30 anos a este proxecto excluinte? Ides quedar cas esmolas cando noutros países como Dinamarca os propietarios dos terreos pasan a ser, por lei, accionistas das empresas eólicas? E aí todos os veciños estaban atendendo.

 
  • QPC: E dende ADEGA falastes de temas medioambientais pero tamén de lexislación.

En ADEGA temos o vicio de traballar con datos, con cifras… non adoitamos posicionarnos a base de ruxe-ruxe. Mais ou menos sabemos por onde vai o proxecto, pero aínda temos que esperar a que XEAL presente o anteproxecto e en función del faremos as nosas achegas. Pero co que sabiamos, co que se filtrou, podemos intuir as que poderían consecuencias e os prazos administrativos.

A nosa intención é acotar o debate. Punto 1: o proxecto teno que tramitar o Ministerio, pois unha balsa de 12 hectáreas, moi probablemente vai superar os 50 MW. A Xunta só vai que ter que informar cuestión ambientais e urbanísticos, pero quen ten que autorizar o proxecto é o Ministerio de Transición Ecolóxica, independientemente do que indique a Xunta.

 
  • QPC: Os partidarios do proxecto aseguran que ademais dos ingresos que vai recibir tanto a veciñanza como o Concello (dinse arredor dos 15 millóns de euros, o triple do orzamento anual municipal), o proxecto sería importante porque garantiría o abastecemento de auga para todo Mazaricos para os vindeiros 50 anos.

Non sei eses datos, non sabemos tanto, pero entre canon hidroelécrico, IBI… podería ser.
Sobre o abastecemento, pregúntome eu, vaise abastecer Mazaricos desa balsa despois de cargarse numerosas fontes de augas? Vaste fiar ademais dunha empresa? Xa o verán pasado vimos exemplos como as elecétricas valeiraron os encoros do Miño e Sil porque a factura estaba cara, feito ademais que temos denunciado.

 
  • QPC: O lobo, os cabalos, as turbeiras… Por que a zona da Ruña é tan importante a nivel medioambiental?

É unha zona de alto valor natural, onde o propio Ministerio ten catalogadas especies protexidas e hábitats prioritarios. Non é rede Natura, debería selo, pero eses Hábitats Prioritarios teñen que protexerse ademais da súa singularidade paisaxística, como lembrou Vidal Romaní na charla.

Cando a zona de Brañas fique incluída no inventiario de humidais de Galicia, unha vez que entra nese listado a Xunta tería que facer modificacións no Plan Hidroelóxico.

En calquera caso, ADEGA ten máis datos, localizadas especies sensibles en perigo de extinción, que faremos públicos no seu momento, que vai ser complicado esquecer.

 
  • Entón ADEGA considera que é un proxecto que non vai ser viable?

É un proxecto absolutamente delirante. Vanse vulnerar demasiadas normas, polo que se hai algo de oposición veciñal non creo que poida realizarse. Ademais, ás veces chegas tarde, como Corcoesto, que chegamos polos pelos, pero aquí non hai nin anteproxecto, así que hai tempo, ano-ano e medio, para mobilizar, e presionar ás administracións, a todas.

Hai moitas posibilidades de que este proxecto naza xa morto. Temos suficientes precedentes e xurisprudencia para que non se desenvolva nos termos que parece que se vai facer. É un delitiro de tal calibre que é difícil que vaia adiante, é moi difícil xustificar en base a argumentos obxectivos a necesidade dese

 
  • QPC: E non podería ser que o “ti vai facendo” sexa unha realidade tamén aquí e cando chegue a anulación xa estea a medio facer o encoro?

Non, para nada, e menos se depende do Ministerio. Se fose a Xunta igual si, pero dependendo do Ministerio non se vai saltar as normas de Europa. A adminsitración central está menos erosionada e ten menos vías de auga que a autonómica.

 

OVAS RELACIONADAS

Comentarios