Escolares da Costa da Morte desfrutan da neve coa campaña de Esquí da Deputación
07:05 15/03/17
Máis de cincocentos rapaces de toda a provincia desfrutan da campaña de esquí posta en marcha pola Deputación da Coruña
Máis de 70 nenas e nenos de entre 10 e 14 anos dos concellos de Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Muros, Vimianzo e Zas participan dende o pasado domingo na estación invernal de Leitariegos, en León, na terceira expedición á neve da Campaña de Esquí 2017, organizada pola área de Deportes da Deputación da Coruña.
Ata o vindeiro venres 17, os escolares terán a oportunidade de iniciarse ou perfeccionar a práctica do esquí con monitores profesionais e participar en numerosas actividades deportivas e culturais que se organizan de xeito complementario.
O deputado responsable de Deportes da institución provincial coruñesa, José García Liñares, subliñou a “gran aceptación” coa que conta cada ano este programa, que ata finais de marzo achegará a práctica do esquí a un total de cincocentos rapaces dos 93 concellos coruñeses.
A estación de Leitariegos, ubícase na comarca de Laciana, ao noroeste da provincia de León. Trátase dunha excepcional paraxe natural reserva da Biosfera que limita co Principado de Asturias e que conta con dez pistas balizadas de distintos niveis - cinco vermellas, catro azuis e unha verde - e un snowpark, así como unha escola na que ofrecen clases de esquí e snowboard.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Deputación da Coruña