Escora mergúllase na Costa da Morte para achegar a danza
ESCORA é un proxecto da Deputación da Coruña comisariado e coordinado por Sabela Ramos e Marcia Vázquez que busca visilibizar o traballo artístico das compañías de danza galegas, con accións de proximidade que presentan unha oportunidade de achegar a danza a espazos pouco habituais para esta disciplina artística.
Buscan, antes de nada, aterrar no territorio e coñecer persoas e axentes dinamizadores, e a partir de aí deseñar unha proposta para facer actividades, espectáculos de rúa, que sivan de punto de encontro para as artes escénicas, a danza, a paisaxe, o patrimonio, a lingua e a comunidade, nos que os espazos forman parte do discurso. O mar convírtese mo mellor atrezzo posible, conectando os corpos coa natureza, a través de obras que teñen un importante vínculo coa lingua e coa memoria.
Se a nivel público, aberto, as accións serán en maio de 2024, esta semana arrincan comezar unha serie de visitas de campo aos 5 concellos, nos que levarán diferentes espectáculos: Camariñas, Carnota, Corcubión, Mazaricos e Zas.
- De onde saídes volas dúas?
Marcia - Eu son de Vigo, teño 29 anos e adícome actualmente a danza contemporánea, como bailarina e creadora. É certo que estudei tamén xestión cultural, da que actualmente só adíco esta parte a ESCORA. É certo que pola situación actual da danza convivo cun pé en Galicia e o outro en Navarra, onde estiven estudando dous anos. No meu traballo persoal sempre hai unha relación moi íntima co mar, e isto levoume moito a interesarme pola historia da Costa da Morte, da que nacen “Onde pousa a humidade” e “Vaivén”. Na xestión cultural involucreime máis no social e no asociativo, que tamén combinei co deseño gráfico.
Sabela - Teño 30 anos, son de Oleiros, pero actualmente veciña de Monte Alto, na Coruña. Son xestora e mediadora cultural independente, aínda que son actriz de formación e tamén teño un posgrao en xestión cultural. Traballo en diferentes proxectos de carácter cultural en Galicia, especialmente vinculados ás artes performativas e tamén acompaño a algunhas compañías de danza do territorio. O que me move é traballar coa xente, achegar a práctica artística a públicos diversos e traballar dende o social en proxectos de raíz.
- Como nace este proxecto de levar a danza ao rural? E por que a Costa da Morte?
Todo se iniciou tras contactar coa Deputación da Coruña. Marcia presentoulles ou seu solo de danza “Onde pousa a humidade” que vai sobre os naufraxios na Costa da Morte. A Deputación propuxo facer algo con máis alcance e pegada no territorio. Ahí foi cando me contactou Marcia para formar parte do proxecto.
Sen dúbida ambas partes tiñamos algo seguro: levar a danza máis aló das grandes urbes da provincia, e a Costa da Morte presentaba unha oportunidade pola súa paisaxe, historia e patrimonio e tamén unha aposta como novo lugar de programación de danza contemporánea (algo nada habitual até o momento na contorna).
- Unha experiencia moi guai coñecer o territorio galego, neste caso costeiro, a través da danza, non?
Descubrir a Costa da Morte dende os ollos da danza permite mirar diferente a paisaxe. De repente todo se convirte en escenarios naturais que son belos por si mesmos, engadirlle o movemento é darlle outra interpretación.
Por outro lado consideramos que a danza é un lecer sostible co territorio, que xera un espazo de encontro e de comunidade cercano e, á súa vez, coidadoso coa contorna.
- Xa levades varias edicións. Creo que vivistes fermosas experiencias en lugares como Camelle ou Mazaricos, verdade? Contade, contade como se involucrou a veciñanza.
Hai vilas nas que foi por o pé e ser benvidas. Este é o caso de Camelle que involucrou a ESCORA con moito agarimo. Alí estivo Alejandra Balboa residindo no Museo de Man de Camelle grazas ás Residencias Artísticas que promove a Casa no Alto xunto a Mar de Fábula e grazas tamén á colaboración do Concello de Camariñas. Alejandra fíxose veciña tras dúas semanas alí de residencia artística. Ao final iso impacta, e no día da súa representación estaban alí todas as palilleiras.
Camelle, de feito, é unha vila chea de artistas. Cada pouco coñecíamos a alguén que poñía alma na súa arte. É unha vila moi aberta a recibir propostas novas.
Por outro lado Mazaricos foi unha das experiencias máis extendidas no tempo. A Asociación de Amas de Casa de Mazaricos tivo unha implicación total nos obradoiros de Iván Villar e Estefi Gómez e tiveron a valentía de querer compartilo no evento ao público. Foi moi emocionante ver a tantas mulleres de diferentes idades danzando xuntas.
- Porque non é doado eliminar eses prexuizos que ten a “danza contemporánea” como unha arte elitista no rural galego, non? Como se pode facer para achegala á xente? Como é a resposta do público ante estes espectáculos?
Non son tanto os prexuizos como a incerteza cara o descoñecido. Cando algo é pouco habitual, é lóxico que se faga alleo á nosa realidade e non saibamos que agardar. A danza contemporánea tende a ter unha concentración en teatros e cidades, e aínda así moitas veces por ese elitismo que mencionas, acada públicos moi concretos.
Porén, a danza é moi intuitiva e está presente en cada unha de nós máis do que pensamos. Ao final todo o mundo baila na súa vida, é a expresión da festa e da celebración por excelencia, e aquí en Galicia a festa gusta moito!
Temos moita sorte de que ata o momento as persoas que se animaron a participar nos obradoiros de danza e nas actividades de mediación tiñan unha apertura total, e ao final sempre pasa o mesmo: na danza contemporánea comezamos movéndonos e xogando, e non te decatas cando estás comezando a danzar. Iso xera moita sorpresa e desfrute en xeral.
Con respecto á última pregunta, a resposta é moi positiva e de agradecemento. Ao final a xente agradece tamén ter algo diferente na súa praza e involúcranse en preguntarlle as artistas cuestións como: que sintes cando danzas? canto tempo precisades para facer isto? ou se sempre quixeches ser bailarina? Na Costa da Morte atopámonos públicos moi activos, curiosos e que conectan emocionalmente coa danza. O perfil, normalmente interxeracional parte dun lugar xenuino e deíxase levar para acompañar e desfrutar da viaxe que lles propón ESCORA.
- Que lugares vos impactaron máis?
Entre as dúas edicións sentimos unha gran diferenza ao facer un achegamento ás asociacións e colectivos da zona. É moi difícil para nós ter que escoller un territorio sobre outro cando as paisaxes e as comunidades son tan diferentes entre sí. Todas tiveron algo especial.
Camelle é o lugar da apertura e da sensibilidade. Como porta de refuxio aos naufraxios e, á súa vez ás manifestacións artísticas de todo calibre, ben te reciben cuns ovos e unhas patacas na porta do aloxamento como te ensinan o seu obradoiro artístico, como te tocan o acordeón de despedida.
Lira é a comunidade da resistencia e a xente de Canle de Lira dalle moita forza ao territorio. Tanto para Asociación como para ESCORA ver danza nunha lonxa foi algo novo e emocionante.
Ponteceso sorprendeunos a nivel creativo e de movemento. Os obradoiros con Betty Pérez e Armando Martén e con Nuria Sotelo e Lena Vilanova foroni preciosos, a equipa de ESCORA ficou emocionada vendo a xente de tantas idades apertándose e movendo o corpo.
En Mazaricos xa recibimos o aviso de que é un concello moi festeiro, pero confirmámolo cando nos decatamos que a pesares de ser un territorio disperso, cando se xuntan, se xuntan e se implican. Foi unha gozada ver ás mulleres da Asociación de Amas de Casa compartir o seu traballo fronte ao seu público amigo.
E xa Carballo, onde destacamos a cantidade de público que tivemos para as complicacións meteorolóxicas. Puidemos comprobar que, programar danza dunha maneira prolongada no tempo, como fan dende o concello no Festival Primavera en Danza, xera un público fiel, atento e curioso.
- En clave de danza. Como é o estado de saúde da danza en Galicia?
Galicia conta con moitas artistas e compañías traballando no territorio, algunhas tamén con propostas de alcance estatal. Aínda así, é certo que segue habendo unha importante cantidade de migración a cidades doutros lugares do estado.
É por iso que dende ESCORA tamén queremos voltar ao rural, por un lado para traer de volta ás artistas que marcharon e que poidan mostrar o seu traballo na súa terra. En segundo lugar, para posibilitar que as artistas que quedaron podan xirar cos seus espectáculos a novos territorios e non se queden só nas cidades. Por último, para xerar referentes na cativada e na adolescencia, demostrando que é posible vivir en Galicia e adicarse á danza.
Por outra banda, a comunidade da danza contemporánea en Galicia non conta con moitas oportunidades de programación. É por iso que, con este proxecto combinamos a potencia da Costa da Morte como territorio de acollida e inspiración para a comunidade da danza contemporánea, co desexo de xerar novos públicos e de compartir coa veciñanza destes territorios un programa de calidade de danza contemporánea, pouco habitual na súa contorna.
- Na Costa da Morte apenas contamos con Iván Villar (Brens, Cee), e con Anuska Fernández (Mazaricos), que de feito xa as involucrastes o ano pasado no proxecto. Que nos contades delas?
Non é nada doado atopar artistas do movemento da Costa da Morte. Xa non só que sexan de alí como é o caso de Iván Villar, orixinal de Cee, se non que residan alí, como Anuska Fernandez que imparte clases na zona de Mazaricos.
Tamén atopámonos con artistas máis novas como Noelia Mato de Ponteceso que vén das danzas urbanas, ou Yasmina Farhani Luaces, da Asociación Abubela, artista visual e dinamizadora nata e comprometida na súa terra, Mazaricos.
Tras varios anos traballando na Costa da Morte é induvidable a potencia artística e creativa deste territorio e das súas xentes. Atopámonos con moitas asociacións culturais que propoñen actividades vinculadas ao teatro, á danza e á música tradicional, pintura, música… En definitiva, unha terra cun gran potencial, activa, intelixente e cun horizonte prometedor.
Sendo nós un proxecto de danza, non podemos evitar poñer o foco en Ponteceso, onde atopamos a única Escola Municipal de Danza da Costa da Morte, que conta cun importante xerme de futuras bailarinas formándose da man da súa mestra Paloma Pérez-Colomer.
Convite aberto ás artistas da Costa da Morte, que pasa na costa? Contactádenos, queremos coñecervos!