Mércores. 08.05.2024
El tiempo

A falta de transporte e o caótico servizo da atención primaria na Costa da Morte

portada
Vanessa Viquendi é a actual presidenta da Asociación Pediatras e Matronas Xa
A falta de transporte e o caótico servizo da atención primaria na Costa da Morte

O problema demográfico da Costa da Morte vén sen dúbida determinado pola falta de servizos que lle permitan á sociedade asentarse no rural. Por un lado, a escaseza de comunicacións que faciliten os traxectos entre os propios concellos e as grandes cidades galegas. Por outro, os continuos recortes en servizos tan esencias como a sanidade, os cales deixan ao noso rural nunha situación precaria de atención primaria á cidadanía.

 

A falta de transporte

As necesidades de comunicación da veciñanza non se ven satisfeitas na Costa da Morte actualmente. Son moitas as persoas que durante anos reivindicaron a carencia de un transporte público capaz de conectar os concellos da comarca entre si e con outras vilas e cidades de referencia. A pesar da loita, hoxe os habitantes da Costa da Morte atópanse sen tren, sen case ningunha frecuencia de autobús con horario continuo e estable e cunha autovía sen rematar.

Serxio Domínguez, concelleiro do Bloque Nacionalista Galego de Cee e Secretario Comarcal do BNG entre 2013 e 2021 ten clara a súa opinión ao respecto. “A situación actual do transporte público na Costa da Morte é desastrosa, é caótica. O caos é tal que é moi difícil a día de hoxe saber a que hora sae un bus, a que hora entra outro...”, asegura. En comparación a anos anteriores recalca que para el a situación non mellorou en absoluto. “O bus pasou de ser algo sumamente necesario cando eu estudaba á situación actual que vivimos. Hoxe ninguén conta con iso”, afirma Domínguez. Un exemplo claro da situación precaria para o concelleiro é o feito de que nin sequera haxa un mini bus que una todos os concellos. “Non concibo como a Costa da Morte non ten unha liña regular de bus que pase todos os días por puntos concretos dos concellos e acabe a ruta, por exemplo, no hospital de Cee”, puntualiza.

“Non concibo como a Costa da Morte non ten unha liña regular de bus que pase todos os días por puntos concretos dos concellos e acabe a ruta, por exemplo, no hospital de Cee” – Serxio Domínguez

Entre os segmentos de idade máis afectados atópanse os estudantes e as persoas da terceira idade. Alba Sendón Blanco, estudante universitaria en Santiago de Compostela e natural de San Mamede (Carnota), considera que o transporte público non só lle afectou na época estudantil senón tamén moito antes. “Eu acórdome de que si no verán queriamos ir a Louro á praia había que comer rapidísimo para coller o bus porque o seguinte era en tres horas”, comenta. Máis preto do terreo persoal, Alba opina que as comunicacións tamén eran decisivas en relación aos amigos que podían chegar a facer. “Como íamos á praia de Louro pois fas amigos en Louro porque, entre outros, non hai comunicación directa con Santa Comba, por exemplo. Creo que socialmente tamén afecta”, recalca.

A pesar da situación xeneralizada hai concellos que se atopan mellor que outros. Serxio Domínguez considera que Zas é quizais dos mellores concellos conectados, debido ao fluxo de autobuses que saen de Baio, e que a comarca de Fisterra se leva a peor parte. “A xente de Fisterra, a xente de Cee ou a xente de Corcubión que queira ir a Santiago ten que pasar case tres horas en autobús e facer o traxecto por Noia. Iso é unha auténtica barbaridade”, recalca. Dito argumento é reafirmado por Alba, quen para subir a Santiago dende O Viso (San Mamede de Carnota) ten que pasar case tres horas no autobús. “Eu entendo que o bus teña moitas paradas pero igual hai que organizarse doutra forma. Podíase ir ata Muros parando e logo ir directo. Habería que poñer outro bus que se encargue do resto de paradas”, suxire.

parada bus
Baio é o pobo que mellores conexións de autobús presenta. Antía Sacedón.

Outra das criticas máis frecuentes á liña de transporte público é a escasa formalidade en horarios e rutas. Alba, dende a súa experiencia propia, conta como viviu ocasións nas que o bus chegou cheo á parada e o condutor non soubo dar resposta de se habería máis viaxes. “Xa non é que me dera pena por min, pero había xente maior que fora á feira e que non podía volver para a casa. Eu creo que o servizo público de autobuses tiña que estar pensado para cubrir esas necesidades”, afirma.

“Xa non é que me dera pena por min, pero había xente maior que fora á feira e que non podía volver para a casa. Eu creo que o servicio público de autobuses tiña que estar pensado para cubrir esas necesidades” – Alba Sendón Blanco

No relativo ás posibles solucións ao respecto, todas elas se atopan en mans dos altos cargos. “Si realmente tiveran un castigo electoral daríanse conta de que a Costa da Morte existe, iso téñoo clarísimo”, sentenza Serxio Domínguez. Dende o punto de vista da mocidade, a crítica céntrase no debate de ate que punto se sigue tratando dun servizo público. “Agora mesmo a miña ruta lévaa unha empresa privada que mira polos seus beneficios. Se de Fisterra a Santiago pode encher un bus de peregrinos xa non se rompe máis a cabeza. Iso non significa que a xente de aquí teñamos o servizo de transporte público cuberto”, finaliza Alba.

Os recortes en servizos esenciais: a atención primaria na sanidade

Nos últimos anos a inexistencia de pediatras é unha realidade permanente na Costa da Morte. En loita por unha mellora da situación sanitaria do rural nace a Asociación Pediatras e Matronas Xa, formada por pais e nais que reivindican a necesidade de tomar medidas con respecto á atención primaria nos centros de saúde costeiros. “Comezamos na Costa da Morte pero agora estamos espalladas por toda Galicia para que a loita sexa global. Nós o que queremos é unha solución a longo prazo, non a curto, iso sería pan para hoxe e fame para mañá”, explica a fisterrá Vanessa Viquendi, presidenta do colectivo.

“Nós o que queremos é unha solución a longo prazo, non a curto, iso sería pan para hoxe e fame para mañá” – Vanessa Viquendi

camiseta
A Asociación Pediatras e Matronas Xa loita pola calidade da atención sanitaria. Antía Sacedón.

Unha das principais problemáticas é que non se cobren baixas nin vacacións, polo que os centros sanitarios quedan sen pediatras que atendan á rapazada. “Poñen a un puericultor no seu sitio pero segue sen haber pediatra. A situación é desastrosa”, sentenza Viquendi. En relación aos concellos que máis afectados se ven pola postura actual, a presidenta da asociación destacaría Muxía, Dumbría, Cee e Fisterra. “Houbo un momento que un puericultor, que non é nin pediatra, estaba atendendo á vez Cee, Corcubión, Muxía, Dumbría e Fisterra”, puntualiza.

A pesar de todo o traballo realizado, a nivel global non se pode festexar que se conseguiran grandes resultados. “Poderíache dicir que empeorou todo. Empezamos a loita con puericultores nalgúns centros de saúde e houbo momentos nos que, por exemplo, Muxía e Dumbría estiveron meses sen puericultor e sen ninguén”, argumenta. En referencia ao momento actual na comarca, despois da manifestación do doce de febreiro en Santiago de Compostela en defensa da sanidade pública, a administración apresurouse en quitar prazas. “Parece ser que en Muxía, Dumbría e Fisterra, en principio, tampouco é que o teñamos xa, vanse cubrir as prazas. Se non saíramos e estivésemos sempre aí é probable que nos deixaran”, puntualiza.

En relación á comunicación coas autoridades, Vanessa Viquendi asegura que estiveron esperando pola resposta da valedora do pobo dous anos aproximadamente e que, ademais, o conselleiro de sanidade non aceptou a proposta de reunirse con elas. “Entre a resposta que nos deu a valedora e nada prefería nada. Estame extrapolando datos de 1975 coa actualidade”, explica. Dende a súa perspectiva considera que a administración non quere mellorar a situación e que tampouco escoita o pobo. “Encantaríame poder dicirche que todo vai mellorar, que a loita vai dar froito e que todo vai ir ben... A verdade é que coa man no corazón pódoche dicir que non creo que este problema, a non ser que haxa un cambio de 180 grados, vaia mellorar”, finaliza Viquendi.

“Encantaríame poder dicirche que todo vai mellorar, que a loita vai dar froito e que todo vai ir ben... A verdade é que coa man no corazón pódoche dicir que non creo que este problema, a non ser que haxa un cambio de 180 grados, vaia mellorar” - Vanessa Viquendi

Outro punto de vista importante nesta problemática é o dos profesionais sanitarios. Alicia Barreiro viviu a situación dende dentro tras ser durante case tres anos médica no consultorio de Baio (Zas). A situación ao comezo para ela era ideal, pois considera que para unha persoa a cal lle gusta a atención primaria rematar nun pobo e ir coñecendo á xente é moi satisfactorio. Con todo, o paso do tempo mostroulle as deficiencias que presentaba a sanidade no rural. “O centro de saúde tiña moitas deficiencias estruturais e a consulta era moi pequena. Non tiñamos sala de urxencias, non tiñamos sala covid e tampouco collían ben as padiolas. Por non falar do material... Paréceme sanguento que nun sitio afastado non teñamos monitor (o aparato que colocas no peito do paciente e che vai dando o latido cardíaco)”, explica Alicia.

cartel
No exterior do consultorio de Baio hai un cartaz pola loita da atención primaria na sanidade. Antía Sacedón.

O envellecemento da poboación costeira implica unha importante sobrecarga do traballo. “Ao ter moita poboación maior tiñamos bastantes domicilios programados porque queriamos atender de forma correcta á xente pero non nos daba a vida. Vas aguantando ata que a carga mental e persoal é moi forte e pasa factura”, recoñece Alicia. En canto aos recursos humanos do consultorio de Baio, indica que estaba formado por unha administrativa, a enfermeira, o pediatra dous días por semana e máis ela. “En canto a se era suficiente, a resposta é non se queres atender con calidade á xente”, puntualiza.

“Ao ter moita poboación maior tiñamos bastantes domicilios programados porque queriamos atender de forma correcta á xente pero non nos daba a vida. Vas aguantando ata que a carga mental e persoal é moi forte e pasa factura”, - Alicia Barreiro

Dende Pediatras e Matronxas Xa comprenden que o persoal sanitario estea saturado. “Isto non é unha loita contra eles, máis ben é por eles. Se eles están ben, vannos coidar ben, que é o seu traballo”, comenta Vanessa Viquendi. Non obstante, a nivel asociativo intentaron contactar coa Asociación Galega de Pediatría e non obtiveron resposta pola súa parte. “Esta asociación non conforma a todos os pediatras de Galicia, só a uns poucos”, puntualiza.

A unión fai a forza e así o considera Alicia Barreiro. Baixo o seu punto de vista, traballadores e usuarios deberían seguir loitando xuntos, manifestándose e facendo folga si fai falla ata ver que a situación mellora. ”Eu creo que había que unirse para que eles poidan saber polo que estamos pasando nós e non vernos inimigos, porque iso é o que lles interesa aos de arriba, que nós nos confrontemos e que a protesta quede en nada”, finaliza Alicia.

Sen dúbida, a mellora e revitalización do rural da Costa da Morte non poderá ser posible sen a mellora de servizos tan importantes como a comunicación ou a atención sanitaria. Ser conscientes da situación actual e apoiar a loita e defensa dos mesmos é imprescindible para que, nun futuro, poidamos conseguir unha calidade de vida óptima sen ter que abandonar as nosas raíces.

Máis artigos de Antía Sacedón

Comentarios