O problema demográfico e a situación económica da Costa da Morte
Se existe un nome que evoque ao mar ese é sen dúbida o da Costa da Morte. Así o define Rafael Lema no seu libro “Costa da Morte. Crónica marítima”. Aínda que a moitos lle recorde soamente á crónica de numerosos naufraxios, esta costa garda tras de si un conxunto de comarcas en constante loita por sobrevivir.
A pesar da gran historia que nos precede, o problema demográfico desta costa é hoxe protagonista do noso día a día. Maniféstase na perda de poboación, na baixa natalidade e alto avellentamento, no abandono do rural e no quebranto socioeconómico.
A Costa da Morte abarca a costa occidental da provincia de A Coruña e os seus límites poden variar segundo as consideracións e visións de diferentes autores. Unha posible delimitación iría dende a punta do Monte Louro (en Muros) ata a vila de Caión. Desta maneira, a Costa da Morte estaría formada polas comarcas costeiras de Muros (Muros e Carnota), Fisterra (Cee, Corcubión, Fisterra, Muxía e Dumbría), Terra de Soneira (Vimianzo, Zas e Camariñas), Bergantiños (Laxe, Cabana de Bergantiños, Ponteceso, Malpica de Bergantiños, Carballo, A Laracha e Coristanco) e Xallas (Mazaricos e Santa Comba).
Algúns dos estudos arqueolóxicos levados a cabo nesta costa amosan que na prehistoria debía ser un territorio cun elevado número de habitantes, sendo proba disto a gran cantidade de monumentos megalíticos que existen hoxe en día. Ademais durante a etapa castrexa a Costa da Morte incrementou a súa poboación, a cal habitaba os castros que hoxe cobren as nosas terras. Hoxe en día a situación preséntase dunha forma completamente diferente, estando caracterizada pola inestabilidade demográfica e económica.
O problema demográfico
A demografía é o estudo estatístico das poboacións humanas en relación ao seu estado e distribución nun momento exacto ou segundo a súa evolución histórica. Neste caso, tomarase como referencia a evolución da poboación da Costa da Morte entre os anos 2002 e 2022.
De acordo cos últimos datos publicados polo IGE (Instituto Galego de Estatística), nos últimos vinte anos os dezanove concellos das cinco comarcas perderon un total de 15.482 habitantes. No ano 2002 a Costa da Morte tiña un total de 147.506 habitantes, mentres que o ano 2022 rematouno con un total de 132.025, sendo o balance negativo cunha perda de 15.482 persoas. De todos eles, os únicos concellos que tiveron unha evolución positiva foron Laracha, Carballo e Cee, a pesares de que este último xa perdeu 150 habitantes na última década. Aínda así, o peso das sete grandes cidades galegas (A Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago de Compostela, Ourense, Pontevedra e Vigo) segue a ser menor que o peso do rural galego, ocupando no ano 2022 un 36,01% en comparación co 63,99% do rural.
Actualmente a demografía pode ser, sen dúbida, o problema máis importante da Costa da Morte. José Luis Louzán, xornalista, locutor durante moitos anos da Radio Nordés-Cadena SER e columnista decano de QPC, sinala tres problemas do sistema capitalista que propician esta situación. “O primeiro deles é que nun lugar no que non hai poboación, os cartos non circulan por unha simple regra de tres. Polo tanto, os cartos entran, os cartos consómense e de novo volven a dar a volta vía salarios unha vez ti os gastaches. Se teño poucas persoas para executar esta teoría, funcionará a cámara lenta, que é o que ocorre”, sinala.
Para el, o principal problema non é que se perda a poboación, é como se perde. “A esta situación chégase por varias razóns que son evitables, e iso é o grave de todo iso. É certo que hai un problema demográfico xeral en Galicia, pola falta de nacemento e unha poboación envellecida. Agora ben, o que está ocorrendo na Costa da Morte é xa outra cuestión”, afirma Louzán. A pesar da postura actual, reafírmase en que a solución é sinxela e atópase en mans dos altos cargos. “A solución baséase en adxudicar comunicacións ao lugar, crear chan industrial de calidade e dotar o territorio dunha fiscalidade propia”, asegura.
“A esta situación chégase por varias razóns que son evitables, e iso é o grave de todo iso. É certo que hai un problema demográfico xeral en Galicia, pola falta de nacemento e unha poboación envellecida. Agora ben, o que está ocorrendo na Costa da Morte é xa outra cuestión” – José Luis Louzán
Unha das variables que levan a situación demográfica ao extremo é a baixa natalidade. Nos últimos resultados publicados polo IGE do ano 2021, a taxa bruta de natalidade en Galicia situábase nun 5,50 (número de nacidos por cada mil habitantes). A taxa bruta de natalidade é o número de nacementos vivos dunha poboación por cada mil habitantes no período dun ano. De todos os concellos que forman o territorio analizado, só Fisterra (6,51), Carballo (6,20), Laracha (5,72) e Santa Comba (6,59) superan a media autonómica. Polo contrario, Malpica (2,20), Carnota (2,92), Mazaricos (3,39) e Laxe (3,84) atópanse moi por debaixo da media estipulada. Domingo Guerra, especialista en economía pública e política, afirma que: “Segundo os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística, de seguir así, perderemos nos vindeiros anos preto do 7% da poboación”. Mais alá das innumerables razóns que poidan definir estes datos de natalidade, o economista considera que a baixa taxa tamén ten que ver coa tardía emancipación da xuventude e coa ausencia de reais e efectivas medidas de conciliación.
A pesar da incerteza que sempre depara o futuro, José Luis Louzán augura graves desastres demográficos. “Eu penso que chegaremos a una redución de máis ou menos 10-15% de poboación, polo que estamos falando xa de concellos sen xente. Lugares onde haberá que atender infraestruturas que no seu momento foron para 8.000 persoas e onde ao mellor nese momento residirán 3.000”, asente convencido.
“Eu penso que chegaremos a una redución de máis ou menos 10-15% de poboación, polo que estamos falando xa de concellos sen xente”- José Luis Louzán
No relativo ás medidas que se poderían tomar dende a veciñanza para revalorizar a situación, Louzán considera que a situación demográfica non importa, nin debería importar. “A xente marcha, cénsase aí, vive aí, cría os seus fillos aí e se ten mellores servizos non ten razón para moverse ou voltar á casa”, asevera. Como exemplo claro, cita a situación de Carnota, concello caracterizado actualmente polo abandono de vivendas. “Ti dás unha volta polas aldeas de Carnota e de cada catro casas, tres están abandonadas”, apunta.
A economía costeira
Cando se fala da situación económica dun determinado territorio, pódese estar facendo referencia a aspectos moi diversos. A situación económica dun municipio, ou dunha área xeográfica concreta, depende da dotación de recursos dispoñibles e do nivel e calidade das infraestruturas e equipamentos básicos (rede de estradas, transportes e telecomunicacións, equipamentos educativos, chan empresarial e industrial, etcétera). Neste sentido, segundo o economista Domingo Guerra, a situación na Costa da Morte mantense en termos similares a anos anteriores.
A dinámica da poboación, a cal se analizou anteriormente, constitúe un aspecto relevante que explica o comportamento económico presente e futuro. En canto ao tecido empresarial, en termos xerais, pódese dicir que a Costa da Morte presenta un predominio de empresas caracterizadas pola súa reducida dimensión. Ese minifundismo empresarial, formado esencialmente por autónomos e micro empresas, é unha situación negativa que se perpetúa no tempo.
No mes de decembro do ano 2022, segundo os informes de paro da Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade, Bergantiños situábase á cabeza da Costa da Morte cun total de 3.878 persoas en paro, seguido de Fisterra cun total de 1.161 e de Terra de Soneira, onde había un total de 809 persoas paradas. Uns meses despois, en febreiro de 2023, pódense observar pequenas variacións. A comarca bergantiñá segue á cabeza cun total de 3.872 persoas, cinco persoas menos, mentres que o conxunto de Fisterra aumentou o seu número de parados ata os 1.206, un balance de corenta e cinco persoas máis. Así mesmo, Terra de Soneira tivo unha redución de oito persoas.
En relación á tradicional clasificación en tres sectores, Domingo Guerra considera que está habendo cambios respecto a anos anteriores. “Sen ánimo de transmitir pesimismo, o sector primario está perdendo puxanza, porque as explotacións agrarias continúan tendo unha dimensión reducida, o sector gandeiro non mantén o número de explotacións e o sector da pesca arrastra moitos problemas e dificultades”, sinala. No relativo á industria, analiza que cada vez a súa repercusión é menor: “Tiñamos pouca e agora cada vez menos, a cousa empeora”.
“Sen ánimo de transmitir pesimismo, o sector primario está perdendo puxanza” – Domingo Guerra
Falando de futuro, Domingo Guerra considera que se deberían destinar máis fondos ás empresas que oferten novos postos de traballo e, tamén, ás que faciliten estabilidade laboral. “Xa sabemos que iso non é a panacea, pero algo haberá que facer en materia de contratación laboral”, suxire. Sobre todo, basea os seus pensamentos na visión de que, en caso de ter algo de éxito, os saldos vexetativos e migratorios non empuxarían ao envellecemento da poboación.
Sen dúbida, a Costa da Morte precisa dun desenvolvemento empresarial, dun maior investimento en Investigación e Desenvolvemento e Innovación (I+D+I) e dunha mellora nas infraestruturas físicas e de telecomunicacións. “Para o desenvolvemento empresarial, ademais de investir en Investigación, Desenvolvemento e Innovación, e de mellorar as infraestruturas físicas e de telecomunicacións, considero que se debería actuar sobre o capital humano, con programas formativos onde prime a reconversión profesional, para que os traballadores consigan máis preparación técnica e destreza e, con iso, maiores retribucións”, suxire Domingo Guerra. Dito isto, tal vez non se consiga reverter o desemprego estrutural da Costa da Morte, e tampouco que as empresas gañen dimensión, pero seguro que o relevo xeracional das empresas existentes e as compañías incrementan a súa produtividade.