Xoves. 03.10.2024
El tiempo

A indiferenza da poboación ante os espazos naturais da Costa da Morte

faro vilán
O Faro Vilán foi o primeiro faro eléctrico de España. Antía Sacedón.
A indiferenza da poboación ante os espazos naturais da Costa da Morte

A Costa da Morte está declarada Lugar de Interese Comunitario pola importancia dos ecosistemas marítimos e a biodiversidade da flora e a fauna existente. Atopámonos ante un paraíso para os amantes dos ecosistemas e da ecoloxía. Toda a franxa litoral entre Caión (A Laracha) e Muros goza deste grado de protección dos diferentes hábitats que a compoñen. Son infinitos os espazos naturais de relevancia e, sen dúbida, a súa existencia dá lugar ao maior tesouro que garda e caracteriza á Costa da Morte. Con todo, a pesar da súa relevante importancia, o conxunto da sociedade non é realmente consciente da riqueza que posuímos nas nosas terras.

Fisicamente trátase dun territorio de contrastes, que descansa sobre un amplo macizo granítico o cal combina zonas baixas e chans, sobre todo no interior, con zonas escarpadas na costa. As praias e areais son abundantes e destacan pola súa extensión e fina area, algúns conformando marismas e ecosistemas dunares de grande valor ecolóxico e abundante biodiversidade, como por exemplo Traba, parroquia que se localiza no concello de Laxe. As praias dan paso a promontorios escarpados que se adentran no mar e nos que se atopan as partes máis occidentais de Galiza, os cabos, como por exemplo o Cabo Vilán, onde se atopa o Faro Vilán, o primeiro faro eléctrico de España.

 

foto antigua
Grabado do Cabo Vilán publicado en 1896 na <i>Ilustración Española y Americana. Cedida.

O relevo físico vai mudando a medida que nos adentramos cara ao interior. As chanceiras predominan na paisaxe, só rachadas por elevacións como o Monte Neme (situado como límite entre os concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños) ou os Penedos de Pasarela e Traba (entre os concellos de Laxe e Vimianzo). Ditas terras están atravesadas por catro grandes ríos: Anllóns, Grande, Xallas e Castro, e multitude de regatos que forman amplos e fértiles vales.

Son máis de vinte os ecosistemas catalogados neste litoral: esteiros, lagoas costeiras, cantís con vexetación, complexos dunares fixos e móbiles, turbeiras, rocheiras,etc. Entre os lugares de maior importancia cabería destacar as marismas de Baldaio, a Enseada da Ínsua e a Lagoa de Traba, xa que albergan importantes colonias de aves acuáticas; mentres que os cantís do Cabo Vilán concentran a práctica totalidade das colonias de gaivota tridáctila da Península Ibérica.

traba
A Praia de Traba e a Lagoa están separadas por un complexo dunar. Antía Sacedón.

Todos estes espazos nomeados anteriormente, e o resto deles que forman o complexo natural e paisaxístico, concentran unha importante biodiversidade de fauna e flora, con algunhas especies moi sensibles e que en moitos casos só se poden observar neste territorio. A Costa da Morte é, polo tanto, un paraíso natural que precisa de coidado e protección para o seu mantemento ao longo do tempo.

A posta en valor do noso patrimonio natural

Ante a pregunta de como definiría a riqueza natural da Costa da Morte, Xan Fernández Carrera, escritor e amante da zona de Bergantiños, considera que hai dúas características esenciais: a amplitude e a riqueza. “É extensa e ao mesmo tempo é rica tamén. Eu creo que os espazos naturais son o maior potencial da Costa da Morte. Logo é obvio que hai outros recursos importantes de cara ao turismo, pero eu creo que o potencial natural é o máis visible e o máis atractivo que ten”, explica Xan.

“Eu creo que os espazos naturais son o maior potencial da Costa da Morte” – Xan Fernández Carrera

En relación á percepción social, Xan considera que a maioría non somos conscientes do que hai. “Estamos tan en contacto co medio que xa non apreciamos a beleza que aprecia outra persoa. Se non fósemos unha sociedade xa industrializada valoraríamos máis este o noso patrimonio”, comenta. Baixo o seu punto de vista, o patrimonio natural, cultural e histórico corre moito perigo, tanto pola cidadanía como polos políticos. “Os políticos e alcaldes non son conscientes diso tampouco, e iso é peor, porque teñen responsabilidade e deberían velar por ese patrimonio”, xustifica.

Sen ir máis lonxe, varios espazos naturais da contorna non reciben na actualidade un trato e unha protección conforme ás súas características. Os Penedos de Pasarela e Traba xunto coa Lagoa, O Cabo Vilán ou Monte Neme son algúns (entre outros moitos) dos tesouros que se atopan actualmente ameazados.

especies
A píllara das dunas é unha das especies máis emblemátia e ameazada da Praia de Traba. Antía Sacedón. 

Co obxectivo de poñer en valor os espazos naturais da Costa da Morte, xurdiu no ano 2006 a Asociación Ambiental Senda Nova, formada por un grupo de persoas que loitan por poñer en valor o patrimonio ambiental, cultural e paisaxístico da zona. “O que me anima a seguir é que te vas metendo nunha dinámica de que ves agresións por todos os lados, ves todo o que queda por facer... Queremos que os proxectos que están consolidados non desaparezan”, explica José Manuel Menéndez, presidente de Senda Nova. Baixo o seu punto de vista, a continuidade nos proxectos é un factor fundamental para a loita. “Agora vaise máis a facer un titular de prensa un día determinado e ser portada dun xornal. Nós consideramos que iso non debe ser, para que haxa un hábito nas persoas e cambie a sociedade, as actividades teñen que ser continuadas”, explica.

“O que me anima a seguir é que te vas metendo nunha dinámica de que ves agresións por todos os lados, ves todo o que queda por facer... Queremos que os proxectos que están consolidados non desaparezan”- José Manuel Menéndez

Para José Manuel, se houbera moita máis conciencia da riqueza natural e moito máis apego polo patrimonio, seríamos verdadeiramente conscientes do que temos. “Cando falo de riqueza, falo de riqueza patrimonial e de recursos económicos. Os recursos económicos da terra estiveron presentes durante toda a vida ata fai nada, ata estes últimos segundos. Incluso agora segue dando de comer a terra, pois falo do sector primario”, puntualiza relacionando a situación coa economía. A pesar de que é consciente de que é imposible cambiar o mundo, prefire centrarse en que o importante é estar no lugar no que estariamos orgullosos de estar dentro duns anos.

Pola mesma razón que Senda Nova, coa ameaza da imposición da Mina de Corcoesto, naceu en Laxe Contramínate Asociación Ambiental, formada por un grupo de persoas preocupadas por dita cuestión. Caridad Camarero, vogal da Asociación, considera que a situación actual das paraxes naturais da Costa da Morte podería definirse como : “Pan para hoxe e fame para mañá”. “Estamos permitindo proxectos industriais nocivos para o medio ambiente. Non habería volta atrás. A natureza tarda tempo en recompoñerse. Hai zonas como Soesto ou Traba, por exemplo, que son virxes, natureza virxe. É unha gran riqueza e debemos valorala máis”, manifesta.

firmas
A Asociación Contramínate durante unha recollida de firmas. Antía Sacedón.

“Estamos permitindo proxectos industriais nocivos para o medio ambiente. Non habería volta atrás. A natureza tarda tempo en recompoñerse”– Caridad Camarero

Sen dúbida, a conciencia do propio e do autóctono é o primeiro paso para poder poñer en valor todo o patrimonio natural e paisaxístico que nos rodea. Sen unha sociedade que se informe, se manteña activa na reivindicación natural e loite polos dereitos naturais e paisaxísticos da Costa da Morte, augurar un futuro sinxelo e beneficioso para os espazos naturais da nosa contorna é, canto menos, complexo.

REPORTAXES DE ANTÍA SACEDÓN

Comentarios