Xoves. 25.04.2024
El tiempo

O futuro está no rural: a escola unitaria e os novos servizos

Rosa Barbeiro Cra
Rosa María Barreiro é presidenta da entidade AMCRAGA e directora do CRA Nosa Señora do Faro. Antía Sacedón.
O futuro está no rural: a escola unitaria e os novos servizos

A dinamización do rural comeza por poñer en valor todos os servizos que nos caracterizan e nos diferencian do resto de lugares. A proximidade, a localización, a vida rodeada de natureza, a comunidade que se crea nos pobos e o ambiente familiar son algunhas das características que definen o que é a vida na Costa da Morte. Mentres haxa quen confíe no rural, nos seus beneficios e loite pola súa supervivencia, hai futuro.

A importancia de manter o propio: a escola rural unitaria

Rosa María Barreiro, presidenta da entidade AMCRAGA (Asociación de Mestres de Colexios Rurais Agrupados Galegos), directora do CRA (Colexio Rural Agrupado) Nosa Señora do Faro e profesora na Unitaria de Brantuas, define a escola unitaria como unha aula educativa que reúne a comunidade, os materiais, o medio ambiente, a contorna, a cultura e o patrimonio. A asociación da que é directora xurdiu a partir de Ángel Segovia e Luis Framil para dar resposta á necesidade dos mestres e mestras que traballaban sós para sacar adiante cada curso escolar e defender un modelo de ensino que se adapte á realidade galega.

A escola na que é mestra, en Brantuas, é do ano 59 aproximadamente, como case todas. “Eu son mestra dende o ano 80 e opositei no ano 88. Estiven primeiro no CEIP de Dumbría un ano e despois collín esta escola provisional. En canto cheguei quería marchar, digamos que era unha escola vella e rancia. Con todo, en primavera xa quería quedar aquí para sempre e agora levo trinta e tantos anos”, explica Rosa. A liberdade de ensino e a maneira de poder crear unha aula comunitaria cos seus alumnos foron algunhas das razóns que fixeron que Rosa non vise o seu futuro afastado dunha escola rural.

“En primavera xa quería quedar aquí para sempre e agora levo trinta e tantos anos” – Rosa María Barreiro

As escolas unitarias teñen unha organización distinta á dos colexios convencionais. Os alumnos xúntanse todos nunha aula aínda que non teñan a mesma idade. Por esta razón, os rapaces non aprenden por idade cronolóxica, senón que o fan por nivel madurativo. Os nenos evolucionan no instante que lles toca, sen forzar a ninguén. Rosa comentaba que o contacto cos rapaces máis maiores axuda aos pequenos a expresarse, mudar o seu vocabulario e a súa forma de actuar. Nestas aulas todos evolucionan en función dos ritmos de aprendizaxe individual e da madurez persoal.

bienvenida
Na escola unitaria conviven rapaces de diferentes idades. Antía Sacedón.

A metodoloxía de aprendizaxe está orientada a crear pensamento dedutivo, intuitivo e creativo. “A educación na aula é o mesmo que noutros centros pero cunha programación concreta que ti abres cara a fóra”, comenta Rosa. Relacionado con isto ten que ver tamén a inmediatez para facer as cousas. “Un día avisáronme de que ían pasar as aspas dun eólico por diante da unitaria e decidín saír á rúa para que os nenos puidesen velas. Este tipo de vivencias son máis complexas nun centro máis grande porque dependes moito da dirección”, puntualiza.

“A educación na aula é o mesmo que noutros centros pero cunha programación concreta que ti abres cara a fóra”- Rosa María Barreiro

Actualmente o CRA Nosa Señora do Faro recibe estudantes en prácticas a través dun programa da Fundación Princesa de Girona que consiste en vivir a experiencia de ser docente durante catro meses nas zonas de Galicia, Aragón ou Extremadura. María Torras Punzano, nada en Girona, atópase actualmente aprendendo con Rosa na unitaria de Brantuas. “Para min é unha porta a unha gran aprendizaxe como profesional. Gustaríame moito ser docente nunha escola rural. Creo que é unha contorna moi enriquecedora e con moita comunidade educativa. É un gran potencial conectar a escola co pobo e a sociedade”, explica.

maría unitaria
María está de prácticas en Brantuas a través dun programa da Fundación Princesa de Girona. Antía Sacedón.

Para ela a experiencia está sendo incrible grazas ao modelo educativo que se imparte na escola. “Lévase outro ritmo. Hai multigrado e iso é un potencial moi grande. Os nenos aprenden de maneira significativa, é dicir, sentindo emocións. É unha forma de reivindicar a aprendizaxe moito máis alá dun libro ou dun vídeo”, recalca. A maiores, pon en valor o gran traballo dun docente na escola rural, xa que considera que ten que ser moi creativo, con moitísima imaxinación, con horizontes abertos, activo e capaz de improvisar. “O medio rural permíteche vivir o día a día e tes que estar preparado para iso. Ti tes unha temática e tes que saber expresala para nenos de tres anos e de primeiro de primaria, de maneira que lle resulte a todos interesante e enriquecedor”, xustifica María.

“Os nenos aprenden de maneira significativa, é dicir, sentindo emocións. É unha forma de potenciar a aprendizaxe moito máis alá dun libro ou dun vídeo” – María Torras Punzano

A pesar da mellora indiscutible da situación en relación a anos anteriores, Rosa considera que aínda queda moito por conseguir. Entre eses obxectivos está a loita polos servizos complementarios como o comedor ou o transporte, imprescindibles para unha conciliación familiar completa. “O comedor apórtalle moito ás familias e non o podemos ofrecer. Algúns CRA están téndoo pero nós non. Creo que é o noso talón de Aquiles para salvar esa ameaza que temos”, expón Rosa.

Conseguir nenos suficientes para que as escolas poidan seguir abertas está sendo moi complicado. Aínda que dende os CRA se encargan de facer publicidade nos medios de comunicación, a desinformación consegue que os prexuízos gañen, en moitos casos, a batalla. “Nós queremos que as familias veñan e coñezan a nosa forma de traballar, non prexudicamos a ninguén. Cando veñen a vernos todas adoitan quedar”, finaliza Rosa.

cartaz
A escola unitaria precisa un maior número de nenos para poder garantir a súa permanencia. Antía Sacedón.

É importante poñer en valor o traballo de mestras e mestres que, coma Rosa, loitan día a día pola supervivencia deste modelo educativo. “Eu quero soñar en que vai continuar”, reflexiona Rosa visiblemente emocionada. Para ela é importante que coas novas xeracións de mestres apareza xente que teña a mesma ilusión ca eles por seguir tirando cara adiante. “Eu vou seguir loitando e espero que a xente que veña detrás o día que eu marche loite coma min. Quero que estean aquí porque cren nas escolas unitarias”, defende Rosa.

“Eu vou seguir loitando e espero que a xente que veña detrás o día que eu marche loite coma min. Quero que estean aquí porque cren nas escolas unitarias”- Rosa María Barreiro

Non podemos querer un futuro no rural sen apoiar as iniciativas que nos dan personalidade e valor propio. A confianza das familias na educación rural é imprescindible para poder manter un sistema educativo que bebe e se nutre de todos os aspectos positivos do espazo no que vivimos : o rural da Costa da Morte.

Espazo para novas iniciativas: diversidade e convivencia

Apostar por darlle unha segunda vida ao rural é contribuír na súa permanencia e futuro. Julio e Inés estiveron bastantes anos en Inglaterra e decidiron volver para rehabilitar unha casa familiar que posuían en Laxe. “Decidimos transformar a casa nun co-living. Trátase dun sitio onde hai hospedaxe e un espazo de co-working onde a xente pode traballar, como unha oficina”, explica Inés, informática de profesión. Máis alá do que representa o espazo fisicamente, concíbeno como un lugar para convivir. “Aquí a xente chega, atópase con outras persoas e créase un ambiente de comunidade onde hai moita convivencia”, puntualiza a xerente.

coliving
Julio e Inés no seu co-living situado no Piñeiro, parroquia de Serantes. Antía Sacedón.

A súa idea de volver a Galicia fíxose realidade xusto un día antes de que se decretase no país o confinamento por mor da Covid-19. A pandemia demostrou que o teletraballo tiña futuro e que cada vez ía ir a máis. Por esa razón, decidiron finalmente orientar a súa creación a persoas que busquen estancias de varios meses onde poder traballar e, ademais, poidan ter a oportunidade de vivir experiencias tradicionais da cultura galega, entre outras. “Está moi orientado á natureza e actividades dese tipo, como o sendeirismo ou a ioga. Ao mesmo tempo nós ensinámoslle o que se fai aquí. Por exemplo, cada un fai a súa comida e é moi interesante cando se fan comidas comunitarias”, declara Inés.

“Aquí a xente chega, atópase con outras persoas e créase un ambiente de comunidade onde hai moita convivencia”- Inés Silva

A casa atópase situada en O Piñeiro, na parroquia de Serantes, moi preto do pobo de Laxe. En canto á ubicación, Inés considera que Laxe ten moito potencial para este tipo de iniciativas. “O que buscamos é que a xente que vén descubra como é o día a día no rural da Costa da Morte. Houbo ocasións nos que levamos á xente a recoller patacas ou a ver como era o día a día nun porto pesqueiro”, comenta.

“O que buscamos é que a xente que vén descubra como é o día a día no rural da Costa da Morte” – Inés Silva

Entre o que buscan transmitir atópase a lección de que no rural pódese vivir igual de ben e coa mesma calidade de vida que nas grandes cidades. “Queremos acabar con ese pensamento de que hai que estar nas cidades para estar conectado coa civilización e ca globalización”, recalcan os fundadores. A experiencia que ofertan permítelle ás persoas descubrir novos sitios e, por que non, asentarse neles. “A un rapaz que veu aquí, que xa estivera algunha vez facendo surf por Galicia, encantoulle a praia de Soesto e xa buscou un terreo aquí para facer a súa casa”, exemplifica Inés.

praiasoesto
A praia de Soesto é o lugar favorito para os amantes do surf. Antía Sacedón.

Como reflexión final, Inés comparte unha opinión moi interesante. “É certo que sitios como o noso pode ser que lle abran os ollos a certa xente e lle demostre que vale a pena vivir nun sitio pequeno e que non hai necesidade obrigatoria de estar na cidade. Pero creo que a base de loitar polo rural é tamén, á par, manter as tradicións e as profesións”, finaliza.

Para manter un rural orixinario é indispensable seguir as tradicións que conformaron o noso camiño e tamén aqueles servizos que nos aportan unha maior aprendizaxe e calidade de vida. Mais, a pesar diso, a revitalización pasa por aceptar novas oportunidades que ofrezan puntos de vista diferentes aos coñecidos mantendo a esencia do rural da Costa da Morte.

REPORTAXES DE ANTÍA SACEDÓN

Comentarios