Venres. 04.10.2024
El tiempo

Félix Neira publica "Misterios e encantos de Bergantiños"

  • Un novo título para a colección Costa da Morte de Edicións Embora.
  • Xa hai 3 presentacións programadas na comarca
Felix Neira-Libro Misterios de Bergantinos
A capa do libro contén unha ilustración simbólica da pintora Viki Rivadulla de Muxía.
Félix Neira publica "Misterios e encantos de Bergantiños"

O investigador Juan Félix Neira Pérez despidirá o ano cunha nova publicación dentro da colección Costa da Morte de Edicións Embora: Misterios e encantos de Bergantiños. O ouro soñado e outras quimeras.

Nesta ocasión rescata a figura de Rafael Ares y Torres, un crego erudito que exerceu na parroquia do Divino Salvador de Pazos (Ponteceso) a mediados do século XIX, ademais de dar a coñecer un Ciprianillo de Beres (Cabana de Bergantiños).
Durante os seus case corenta anos de sacerdocio en Pazos preocupouse por realizar ampla colleita de cultura popular tanto da súa parroquia como doutras de Bergantiños. Como ben di Félix Neira no prólogo, Rafael Ares “deixounos un capital inestimable de noticias sobre a vida cotiá das parroquias rurais de Bergantiños na segunda metade do século XIX”. En certa maneira, exerceu de xeógrafo, historiador, antropólogo, etnógrafo, filósofo ou filólogo; en definitiva, unha especie de Frai Martín Sarmiento instalado no corazón de Bergantiños.

Agora, este libro recolle parte desa documentación do patrimonio inmaterial da comarca do século XIX patrimonio inmaterial. Así, achégase información sobre a pedra do xabrón, a pedra do raio, o trigal maldito de Mens, os pasais da ría de Canduas, a impía Galilea, a viga de ouro, a galiña cos pitos de ouro, a muller coa tenda de xéneros, a xentila coa pedra fiando na roca, a furna do encanto, o Ciprianillo, a morada de xigantes do castro de
Ouxas, lendas dos castros de Coristanco, a moenda do ouro, o ouro fúnebre, os cadáveres das Cadaveiras, o ouro das pías, o ouro dos fornos, o ouro das Piruleiras, o tesouro celta de Lestimoño, a pegada dos tesouros en petóns e minas ou o arqueotopónimo da Mesquita.
O Ciprianillo de Beres consérvase na casa de Eduardo Grela Rey, Felisa Varela e o seu fillo Eduardo Grela Varela. A eles legárallo o avó de Felisa Francisco Varela Oróns, natural do Rieiro, parroquia de San Xoán do Esto (Cabana de Bergantiños).

Presentacións

O volume presentarase o próximo venres 30 en Pazos (Ponteceso), o sábado 7 de xaneiro na igrexa de Santiago de Mens (Malpica de Bergantiños) e o sábado 28 de xaneiro, no centro de interpretación de Dombate
(Borneiro. Cabana de Bergantiños).
A colección Costa da Morte de Edicións Embora está dirixida polo filólogo malpicán Xosé Manuel Varela Varela. Nela teñen publicado libros Xosé Antonio Andrade Figueiras, Evaristo Domínguez Rial, Xan X. Fernández Carrera, Francisco Bernis, Xosé González Reyes ou Xabier Maceiras Rodríguez.

Máis novas sobre libros

Comentarios