Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A taberna do mascato negro, de Rivadulla Corcón

A Taberna do Mascato Negro de Rivadulla Corcon
A taberna do mascato negro, de Rivadulla Corcón

Taberna á deriva ou Vagabundos, solitarios e sentimentais son títulos referidos ao mundo que nutre a literatura de R. Corcón. Toda ela xira darredor do mar, do mundo mariñeiro, do universo de Melville ou Conrad, das lendas e das cancións. Dos seres solitarios que povoan esas ribeiras de salitre. Os brevísimos relatos do anterior Taberna á deriva, tiñan como protagonistas a namorados, soñadores, nenas bautismadas no mar, vellos teatreiros que morren no escenario baixo a luz fría, barcos con nomes como Buserana. Toda esa grei que alguén, de maneira romántica, podería chamar desleixada, perdedora, allea ao mundo da realidade cotiá. E sempre está o mar, escenario da vida e da morte.

Dese mundo naceron os poemas brevísimos, “tankas de vida salgada”. Explica o limiar a súa breve historia. Non falta unha muller, viúva dun capitán, e unha casa cunha galería que dá ao mar e unha biblioteca. Non é gratuita a cita de Novoneyra, que incorpora unha poesía moi breve, achegada ao aiku. Coas cita deste poeta e de Casado Nieto, e o seu poemario Orballo Ispido, Corcón insere os seus tankas na tradición poética galega, a través da personaxe de Vitoria, aquela culta lectora que o fai coñecedor desta poesía xaponesa e galega. Corcón elabora os seus tankas desde a liberdade, após lecturas comparativas, aínda conservando a estrutura de cinco versos.

Segue a ser o mar e o mundo mariñeiro a grande liña do autor, xunto coa soidade, a viaxe e a sabiduría, o eterno retorno, a música do universo. Do mar escribiron moitos poetas contemporáneos. Hai, ou houbo, un regreso a un dos grandes temas da literatura universal.

Evidentemente, tamén da galega. Das cantigas de amigo á poesía dos nosos días. De forma moi notábel, aparece recurrente e referencia obrigada en autores como Xosé Iglesias, Xurxo Souto, mesmo na creación de ambientes, performances, etc. O mar ou a nostalxia do mar. O salgado no mar e nas tabernas. As ferradas de sal e as cancións. A buguina que avisa entre o neboeiro e as vagas de mar.

Rivadulla Corcón non é un espectador do grandioso, do solemne ou da furia do mar. Nos poemas e nos relatos de seu hai unha reflexión que se adentra no poeta, que o explica. No mar, ou no vento, procura entender ao poeta. A sí mesmo. O mar confirma a súa existencia, o seu desacougo.

Algúns poemas actualizan o enigma da muller solitaria ante o mar, fermosa e perdida en sí mesma. Aquí está a lírica medieval, Rosalía, T. Hardy e V. Woolf.

A taberna do mascato negro, o libro que temos como última referencia, chega desde a editora Morgante nunha fermosa e cuidada edición, cunha fotografía na capa de Shutterstock.com/Kate Aedon, na que loce de xeito moi evocador o risón, a barrica e os chicotes ou cordas embrulladas, sobre un teito de táboa e a parede despintada. Queremos destacar tamén as citas de A. Pexegueiro, R. L. Stevenson e Manuel Antonio, que o autor presenta como unha declaración de intencións literarias e estéticas.

Unha historia contada en pequenos fragmentos, nun estilo directo que por veces quixéramos máis elaborado, N algunhas descricións, tal vez?

Soñar o mar, contemplado desde a xanela da casa. Así comeza o relato de R. Corcón. A visión de Mario, o protagonista, que con dezoito anos embarca no Praia de Oza, para facer a marea do bacallau nos mares de Terranova.

Despois, o naufraxo e o comezo doutra marea na Taberna do Mascato Negro. O libro, o relato continuado. Xa escrita, xa aventura.

 

NOVAS RELACIONADAS

OUTROS ARTIGOS DE MIGUEL ANXO MATO FONDO

Comentarios